TRIBUNA ABIERTA | O |
12 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.PACÍN, NON; Domínguez, non; Redonda, non; alcalde de Zas, non... Por esta orde rexeitaban os municipes populares o ofrecemento da vicepresidencia da asociación supracomarcal Neria, que tan humildemente lles estaba a ofrecer o gran triunfador da noite electoral, Xan García Pouso. Cinco días caminando xuntos da man dos responsables comarcais do BNG, con Mancebo Amigo, concelleiro nacionalista de Vimianzo, chamando por Antonio Domínguez, a ocupar altas responsabilidades na permanente de Neria deseñada polo PP. E xa se tiñan contaxiado, os populares, de tan famosa partícula negativa bloqueira. Non, non e non. Fai tres anos era o PSOE quen renunciaba a participar na permanente de Neria ao negarse a competir nas elección convocadas ao efecto. Agora foi o PP, alegando con despropósito un estrano dereito á presidencia, avalado polo feito de ter maior número de alcaldes no territorio nerio. Non fai falta comer rabiños de pasas para recordar que nin Castro, nin Rafael Mouzo, nin o tristemente falecido Xulio Díaz, nin Maneiro pertencían a partidos que obstentaran máis alcadías na Costa da Morte, no momento de acceder ao cargo, e que Plácido García non era alcalde. Trece anos de Neria, e algúns no se decataron, aínda, de que nin os sindicatos de alcaldes, nin atípicos encamamentos de partidos, teñen opción de acceder ao órgano máximo de poder se non van da man dos axentes sociais. Asociacións e empresas, que na actualidade lidera Xan, liderazgo que é froito do intenso traballo que realiza a prol do desenvolvemento da comarca, e que o convirte no auténtico catalizador dos proxectos da asociación. Un mariñeiro de Cee contoume, días pasados, que vira un raposo na illa Lobería e que as gaivotas apousaban vixiantes nas pedras de fóra. En Neria, as gaivotas divisan a ponte de mando apoiadas en bloques, uns de formigón, os da letal inmobiliaria que a xeito de infección viral se expande pola Costa da Morte, e a que temos que aplicarlle con urxencia antiretrovirais en forma de ordenación urbanística. E outros, de estrelas vermellas de cinco puntas, os upegallos, do non a Europa, de non a Beiras, do non a Xan, mariñeiro en terra, de Soneira, cazador en Fisterra.