ARA SOLIS | O |
12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.FAI COUSA dunha semana, de madrugada, vin como un coche atravesaba a rúa e chocaba contra outro que estaba aparcado e este recuaba contra o de atrás e... ata catro coches...coma un acordeón. O que mais me amolou foi que o culpable do accidente ríase comentando que a aseguradora se faría cargo de todo. Non é cousa de risa ler tódolos días este xornal e ver os moitos accidentes que suceden na bisbarra. Si, é certo que as estradas están mal sinalizadas e peor pintadas, e que as curvas non son propias nin tan sequera dun pais terceiromundista, e que hai beiravías que non existen, e ata lle poderíamos botar a culpa aos anuncios que venden potencia en lugar de seguridade. Pero existen mais culpables. Algúns pasan polas vilas a todo trapo presumindo do seu coche novo, outros non lle fan caso nin a Stevie Wonder e conducen cegos, os menos soben o Carrizal estilo Fernando Alonso invadindo o carril contrario, moitos van nos coches sen carné e de sinais de circulación non pasarían da primeira pregunta no Un, dos tres, ¿e dos peóns que visten de noite coma a boca do raposo?... O peor é que as compañías de seguro, si, fanse cargo de todo...pero non hai cartos dabondo no mundo para pagar unha soa vida.