Excesos

ELISA ÁLVAREZ CASAIS GARRIDO

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

07 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AÍNDA NON tivemos tempo de recuperar a liña, de borrar do noso disco duro os excesos navideños, de apuntarnos ao ximnasio, e facer kilómetros para queimar calorías e xa é carnaval. ¡Fixémola boa! ¿A ver quen se resiste? Non, está claro que o inverno non sexa o mellor momento para poñerse tipo Gilda. As tentacións asexan: as roscas de anís, as delicias de chicharróns¿.E -óese por aí-, fai tanto frío, que o corpo pide o aporte calórico xusto para afrontar os rigores do inverno. A excusa perfecta. Na casa aínda andan os polvoróns polos armarios, que da noxo velos, pedindo a berros que rematemos con eles dunha vez. E xa lle estamos quitando o pó á receita das orellas e as filloas: unha de aceite, dous de zucre, fariña¿ e parece que o corpo xa vai pedindo un laconciño. Se se pensa un pouco, as grandes lupandas non teñen moita lóxica nestes mundos de abundancia. A Deus gracias, non falta de nada nas casas. Comemos hoxe para baixar mañá. Antes, as festas eran acollidas de outro xeito, en tempos de traballos, nos que os divertimentos eran contados, o réxime obrigado, os petos baleiros, as familias numerosas -sen subvencións, nin pagas dos vellos- as restricións eran puras e duras. Daquela, cando chegaba a festa, todo o mundo a respectaba, nin sequera se traballaba, nos labores do campo e co gando, nin se saía ao mar. Era unha festa con todo o valor da palabra, e cada unha o seu sentido: recollemento, silenzo e respecto, e no carnaval o mundo ao revés, troula total, ledicia, viño, alborozo, mozas disfrazadas de mozos, unha peseta no peto, abandono e parranda e música de gaitas. Era tempo de romper coa monotonía do longo e frío inverno. ¡Como cambiaron os tempos!