A pobreza

| XOÁN POSE VIÑA |

CARBALLO

O CARTAFOL

05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NINGUÉN É tan cazurro como para non ver a utilidade da investigación en todos os campos se isto mellora o benestar dos habitantes do planeta terra. Con todo, estannos vendendo os logros da conquista do espacio como algo case de ciencia ficción. Estanse facendo realidade moitos soños de xente visionaria que predixo unha morea de acontecementos que hoxe son cotiás. ¿De que lle valeu ao home demostrar que era capaz de viaxar á lúa ou a Marte incluso sopesando a posibilidade de instalarse alí? A investigación espacial pode contribuír ao desenvolvemento da ciencia. Pero, ¿de que lle vale ao home gastar miles de millóns en intentar demostrar se existe vida diferente da nosa no universo? ¿Que finalidade ten isto mentres haxa millóns de habitantes que viven en condicicións impropias dun mundo rico e poderoso? ¿Que finalidade ten isto mentres seguimos ignorando aos nosos semellantes que morren coa fame? É máis, incluso nos despreciamos e loitamos entre nós por un cacho de terra, sobre todo se ese cacho de terra está inzado de pozos petrolíferos ou de pedras preciosas. ¿Haberá unha guerra espacial cando haxa que repartir o universo? ¿Non sería máis prudente resolver primeiro os problemas da humanidade con todos eses miles de millóns que se despilfarran sen xeito nin traza? O ser humano non será tal mentres exista a pobreza, o racismo, as guerras, as dictaduras, as enfermidades, a fame, a miseria. Despois de demostrar quen ten a hexemonía da colonización aquí na terra, ¿hai que demostrar quen manda aló enriba (ou aló embaixo)? Cunha parte do que se gasta nas guerras e en foguetes espaciais, a maior parte dos lugares poderían converterse en paraísos eliminando definitivamente as capas marxinais da nosa poboación que viven en chabolas sen os recursos mínimos para levar á boca o necesario e para mercar uns trapos con que vestirse. Alegra saber que polo menos as organizacións non gobernamentais que traballan en todo o mundo en defensa dos máis débiles, tratan de unir as súas forzas para acabar dunha vez coas inxustizas no mundo. Os cidadáns colaboramos cunha pequena cantidade que se fai inmensa en lugares onde non hai nin sequera un anaco de terra para plantar patacas ou cereais, onde non hai nin sequera unha fonte para encher unha botella de auga potable, onde non hai nin sequera unhas pastillas para curar un catarro.