ARA SOLIS | O |
29 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.SEI DE boas fontes que a réplica do dolmen de Dombate, baixo o que se acubilla o pavillón que a asociación Neria ten en Fitur, está a causar moi boas impresións nos visitantes. Nada mellor que o Faro de Fisterra, no seu momento, e agora este monumento megalítico para simbolizar á Costa da Morte e atraer a turistas para que viaxen á nosa bisbarra. De viaxes e símbolos saben moito uns empresarios de Baio que fai algúns anos tiveron que ir a Suíza por asuntos de negocios e decidiron facelo no seu coche. Despois de almorzar na fronteira vasco-francesa alternáronse a facer quilómetros coa intención de parar a xantar cando o corpo llo pedise; chegado ese momento deixaron a autoestrada e dispuxéronse a comer nun restaurante dunha pequena vila, pero, entre que de francés rien de rien e que a comida do pais veciño non lles sabía, pasaron mais fame que unha lurpia na Coresma. Seguiron camiño co bandullo case baleiro. Anoitecía cando o que estaba ao volante albiscou no horizonte un letreiro fluorescente cunha gran vieira e deduciu que aquilo que tiñan diante tiña que ser dun emigrante galego que seguro facía moreas de francos entre os fogóns cociñando viandas típicas da súa terra. Aparcaron mentres se lles facía a boca auga pensando nun lacón con grelos e uns chourizos; o conductor dicía que coa fame que tiña era capaz ata de cear as sobras do menú do día... Pero as caras ledas mudáronse en rictos de decepción e sorpresa ao decatarse de que nin casa de comidas galega, nin Camiño de Santiago, nin nada que se lle asemellase; aquilo era unha gasolineira e a cuncha que a coroaba o símbolo escollido polo dono como logotipo da súa corporación. ¿Menú do día?... ¡Menudo día!