Ondiñas veñen

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

24 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A PROPÓSITO de ondas, vivimos nunha zona na que o mar non é amigo de estar quedo, non. Sempre en continuo movemento, sobre todo no inverno, e iso sábeno ben os mariñeiros. Aquí somos sempre os primeiros en recoller os máis fortes temporais, e a cousa empeora se se conxugan á perfección os ventos fortes do suroeste, as mareas vivas e a lúa chea, aí si que é imprevisible, o líquido elemento salta como se nada todas as barreiras que se poñan por diante. Empeza a subir, a subir, sobe por riba dos peiraos, das estradas, dos malecóns e xa non é o primeiro que se fai o valente e molla os baixos dos pantalóns por se chegar moito a diante. Cando está así, o noso mar ponse coma un can rabioso que bota escuma pola boca, semella que ferve e non cabe dentro de si, tan cheo está que sae por fóra. Aviso Aínda así e todo, nós non facemos caso ningún dos avisos que nos manda a nai Natureza e seguimos a construir as casas como quen di enriba do mar, das praias, dos cantís. ¡Son tan importantes as vistas nas nosas vidas! E xa non digamos o seguimento ao pé da letra no que a urbanismo costeiro se refire: ningunha vila da costa que se precie pode quedar sen o seu bo recheo ou paseo marítimo, todos tan curiosiños e estéticos. O caso é comerlle o terreo ao mar sexa como sexa, sen poñerse para nada no caso de que algún día non moi lonxano -os feitos á vista están e xa nos poden alertar- ao mar tamén lle puidese dar a idea de volver a coller o seu. Como di o refrán: «Cando as barbas do teu veciño vexas pelar, pon as túas a remollar».