ARA SOLIS | O |

20 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UN QUEDA admirado do bo sentido que amosan no Allo co seu cemiterio. É un modelo para unha bisbarra na que hai necrópoles que parecen que foron feitas para castigar aos defuntiños polas faltas de toda a vida. Algunhas son tan feas que dan medo morrer. Logo tamén hai outras ben singulares: á de Santa Mariña só lle falta unha cafetería moderna. A morte merece un espazo para un relativo esforzo estético. Por iso chama a atención o que fan no O Allo. Hai quen pensou que se trataba dunha casa de turismo rural. Neste caso non é para unhas vacacións. É para sempre. Éche ben diferente este camposanto ao de Fisterra, que aínda está sen estrear. Levou premios o seu autor polo deseño, pero ninguén se quere enterrar alí. Debe ser porque pega o nordés sen contemplacións e iso non é bo para os ósos. Estes lugares son espazos para o recollemento. Pero non sempre é así. Nunha ocasión, tres mociños foron a un cemiterio a gravar psicofonías, que estaban de moda nos oitenta. Era noite pecha. Estaban calados tratando de facer o seu labor cando ouviron unhas voces. Colleron un bo papo de medo. Despois dunha boa carreira decatáronse de que eran tres vellas que facían ceremonias para sacarlle o aire a unha moza.