«Padrecito»

RICARDO DEUS VIÑA

CARBALLO

COMEZANDO, QUERO clarexar que sitúo entre comiñas esta distinción porque era a que habitualmente utilizaban os que, por calquera motivo, se acercaban a el na procura de axuda ou conforto. Mais compre sinalar que toda esta epístola tería que ser lida entre comiñas, porque quizáis así era o padre Alberto: crente sólido na forte mensaxe da palabra e os seus variados usos. Doutro xeito, algúns dos que o chegamos a disfrutar un pouquiño máis perto, non temos dúbida de que cando realmente se poñía ledo era ao escotar aquello de padrecito ... Sinxelamente. Agora que axiña se vai cumprir o noveno cabodano do seu pasamento, e porque cavilo que é obriga dos vivos recordar aos seus finados, púxenme a lembrar. E aínda alcancei As Labradas e camiñei polo camposanto onde se atopa o nicho número 1.051, no que unha placa metálica de «La comunidad parroquial de Carballo, con gratitud y agradecimiento» reza: «Rvdo. D. Alberto Pazos Recarey (sacerdote), 6-1-96. A los 60 años». Pois alí descansa o seu corpo «cansado de rodar». Mais non os seus pensamentos, as súas ideas, ou os seus sentimentos, que seguen a vivir na alma dos que o quixemos escoitar. E lembro que para el o amor era o alicerce da súa existencia («con un poquito de amor casi todo se puede solucionar»). E o seu amor tirábao de Xesús de Nazareth, porque el era profundamente cristián. Tamén lembro que se poñía tristeiro, «cansado», ao constatar que moitas xentes dicían non precisar «un pouco de amor tendo diñeiro dabondo». Ese amor polas pequenas cousas que o fan tan «poderoso». Ese amor que incluso pode chegar a doer. Lembro cando dicía non distinguir «las flores de plástico de las otras». ¡Ai! Cando lembro cando malcantabamos o himno dos inmigrantes: «No me llames extranjero...». Aquelas entrañables tertulias acompañado de amigos ao redor daquelas «macunudas copas de xeado, que tanto ayudan a disfrutar de la vida y no me venga con milongas». E lembro tantas cousas que..., ¡eu que sei!, tanto marcaron a miña vida. Dende aquí mándoche bicos e apertas con moito amor, onde queira que agora te atopes trotando porque, como dicía Rosalía, que tanto che gustaba: «¡Ai dos que levan na fronte unha estrela! ¡Ai dos que levan no bico un cantar!».