O marquesado de San Juan, un título que aínda se conserva

La Voz

CARBALLO

A investigación de Santiago Daviña tamén revelou a existencia do marquesado de San Juan de Carballo, ostentado desde o ano 2002 por María de los Ángeles Esquivias García del Cid, descendente de Antonio Pardo, fundador deste maiorazgo. Según as crónicas e diversa documentación recollida nos arquivos, abades do mosteiro de Soandres (A Laracha), denunciaron a este cabaleiro da Orde de Santiago da apropiación indebida da feligresía de San Juan de Carballo, facéndose con todos os tributos dos veciños, tanto ricos como pobres, que legalmente pertencían ao mosteiro larachés. Todos estes datos poden retratar a difícil situación da poboación, sometida a fortes e diversas cargas tributarias provintes tanto do señor como da igrexa. De maneira especial, destaca o pago que tiña que facer a feligresía carballesa do voto de Santiago, cando a meirande parte das feligresías galegas estaban exentas deste imposto. A iniciativa deste estudo non só permite perfilar a realidade das xentes do século XVIII, senón que con el, pódense abrir novos vieiros para a investigación do pasado máis lonxano de Carballo, que nos permita vertebrar unha historia integral da localidade. Desbotando, deste xeito, aquelas teorías de que Carballo é un pobo sen historia.