Desatinos

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

EN Peito de lobo , un dos relatos reunidos en Retrincos , Castelao ridiculiza «o tipo máis laido (feo) da vila» facendo un cabezudo para exhibir nas festas, se ben despois o home cóllelle cariño ao personaxe e fai as paces co autor de semellante idea. En O porco de pé , Vicente Risco fai unha caricatura de don Celidonio botando man da hipérbole, pois di que «corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga» e utiliza múltiples adxectivos para caracterizalo con desprezo e repugnancia. Lonxe da miña intención está ridiculizar ou ferir a sensibilidade dos escolares de secundaria, que son os protagonistas deste artigo. E sono porque se trata de reproducir algúns despistes ou desatinos que cometen nos exames por non prestar a debida atención ou por non dedicarlle o tempo necesario ao estudo. Hai que tomar isto que vén a continuación, pois, con bo humor, sen alporizarse. Así, un estudante escribe que «a literatura galega medieval estaba case toda en latín, os libros estaban en latín todos, só a xente vulgar que non sabía ler falaba o galego e ademais en poucas aldeas e vilas. Ata algunha xente que non sabía ler vulgar falaba o latín. Despois veu o castelán e falábao todo o mundo menos dous ou tres aldeáns». Noutra pregunta, o mesmo autor afirma que o idiolecto é un individuo que fala indio. Máis adiante, para acabar de remachala, explica que «os textos orais son os textos nos que se fala e non se escribe e os textos escritos son textos nos que se escribe e non se fala». Á mesma pregunta responde outro que «os textos orais son os que se expresan mediante palabras faladas e os textos escritos son os que se expresan mediante palabras escritas». Para outro despistado a inquina é a persoa que vive de aluguer na casa doutra, queipo é unha forma do verbo caber, un quimono é unha prenda de vestir que se usa para traballar nas obras e un alpendre sería a casa «na que che alugan un cuarto por unha ou varias noites, danche comida e bebida; especie de hotel». Para un aínda máis simpático, «o seseo implosivo case non se nota. Exemplos: Laxe, Corme. O seseo explosivo é algo esaxerado de máis. Exemplos: México, Venezuela». Xa para acabar, recollo outra marabilla dun alumno que non ten as ideas claras e quere saír do paso enchendo o folio como sexa, polo que di que «os adxectivos especificativos son os que denominan as profesións de persoas: empregado, profesorado, camareiros, albañil, obreiros, etc...».