O ferrado, feito a medida

Modesto García DUMBRÍA

CARBALLO

CASAL

Reportaxe | Memorias da Costa da Morte O valor da unidade volumétrica máis usada historicamente en Galicia non só varía dunha comarca a outra, senón que na mesma parroquia pode ter medidas diferentes

15 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Hoxe en día, cando falamos do pan referímonos á barra ou ao bolo que comemos a cotío, é dicir, á masa feita con fariña unha vez amasada e cocida no forno. Para os nosos antergos labregos, a palabra pan era máis ampla. Abarcaba as recolleitas e as sementeiras dos cereais básicos que amparaban o sustento familiar diario. Referíanse ao gran de centeo, de trigo e de millo. Naqueles tempos, a riqueza expresábase en función dos ferrados de gran recollidos cada ano, porque estes servirían como moeda de troco para a adquisición doutras mercadorías, moitas delas de primeira necesidade. Tanto a sementeira como a recolleita eran froito dun grande esforzo e sacrificio, mantíñanse as técnicas e os rituais, que se transmitían de pais a fillos ao longo do tempo. Ímonos centrar no centeo e mailo trigo, porque o millo, procedente de América, chegou a Galicia sobre o ano 1630 e á nosa comarca, moito máis tarde. O proceso As zonas da agra, decididas de antemán e dacordo cos demais veciños do lugar, eran labradas co arado romano de madeira, arrastrado por un par de vacas ou bois (o tractor chegou á zona de Dumbría a finais dos anos 50), máis tarde era gradada e aboada con esterco das cañeiras ou das cortes do gando. A sementeira facíase a finais de novembro, tendo como data de referencia san Sadurniño (29 de novembro), e, ao mesmo tempo, había que ter moito coidado coas fases da lúa, evitando no posible o couce e maila punta e tamén as brétemas. Se a sementeira era no monte, facíanse estivadas. Consistía en rozar e cavar un anaco de monte a man cos aixadóns ou os legóns nos comezos do verán, para, máis tarde, polo mes de setembro, queimar os terróns (non facía falla o permiso de queima) e espallar a borralla polo decruado e a continuación labralo co arado de madeira, máis coñecido como o arado romano. Por outubro gradábase e sementábase para recoller o gran no mes de xullo do ano seguinte. Por Todos os Santos tamén se acostumaba a sementar o alcacén; era unha sementeira parecida á do centeo, só que se recollía antes de espigar, sobre a Semana Santa, para o alimento do gando. A tarefa seguinte era a recolleita. En moitos casos axudaban xornaleiras, que tiñan como pago a comida do xantar. Con fouciños segábase a man a uns trinta centímetros do chan, facendo feixes pequenos chamados mollos, que eran transportados con moito coidado na cabeza, xeralmente polas mulleres, ás eiras do lugar para secar a espiga. Todos estaban pendentes do tempo por se aparecía algunha borrasca. Os de Buxantes, no século pasado, tiñan de vixiante a baca de Fisterra (a serea do faro). Cando ésta bruaba armábase un zafarrancho para gardar o froito en lugar seguro e resgardalo da chuvia. O paso seguinte, o máis divertido porque se xuntaba a mocidade, era a malla. Todos xuntos na eira con paus de madeira, coñecidos como manles, golpeábanse os mollos ata desgranalos, separando a palla cunha forcada. A gaspallada, xunto co gran, eran transportados na cabeza en canastillos ou cestas a un lugar venteado para limpalos sobre unha saba, volvendo de novo á eira. O gran espallado pola eira durante un día e ben seco, gardábase en grandes furnas de madeira situadas en lugares frescos, como os soleiros. As rendas forais A partir de aquí comezaba o verdadeiro quebranto administrativo da familia. O máis prioritario era o pago das rendas forais, ben ao Mosteiro de Moraime ou ao Conde de Altamira, seguindo polas rendas das confrarías, a renda do médico, a do cura, a do mordomo da parroquia, as das festas patronais e algunha que outra de carácter persoal, como as misas ou os funerais. Aos pobres xa pouco lles podía sobrar, pero os ricos si podían permitirse o luxo de vender algúns ferrados sobrantes para conseguir moedas e con elas poder preitear, comprar máis leiras, ter vacas á ganancia ou facer algún que outro préstamo persoal. O ferrado era a unidade volumétrica de medida, que variaba duns lugares a outros. O ferrado oficial na provincia da Coruña, segundo a equivalencia do sistema métrico-decimal publicado na Gaceta de Madrid ó 28-12-1852 era: para o centeo e o trigo, 16,15 litros, e para o millo, 20,87 litros. A fanega tiña 4 ferrados; o ferrado era igual a 6 celemíns, e o celemín equivalía a 4 cuartillos. Na zona de Dumbría, tanto o peso como o volume variaban en función de se era comprado na vila de Cee, con 16 kilos, ou na feira de Baíñas ou na Picota, con 13 kilos. O artefacto de medida, de medio ferrado, era un caixón de madeira de forma trapezoidal coñecido como boto, escá ou teiga. Este boto tamén variaba nas súas medidas duns lugares a outros, mesmo dentro da parroquia. No caso de Buxantes comprobamos seis medidas en distintos lugares. discrepando todas elas. Creo que influiría algo o tipo de metro usado polo carpinteiro na construcción do boto. Pola súa curiosidade histórica, analizamos unha gráfica do valor do ferrado, tanto de centeo como de trigo, na zona de Dumbría dende o ano 1746 ata o ano 1800. Todos os datos foron sacados de documentos antigos, como un do ano 1746 onde se reflectía o pago das rendas por unhas terras á fábrica de San Pedro de Buxantes. Entre outras cousas dicía: «..... seis ferrados de trigo que se pagan por el lugar de Truitín, sito en la Feligresía de Sta. Eulalia de Dumbría, los que dejó a esta fábrica Rodrigo de Ponte, vecino que fue de Gestosa, (Buxantes) con pensión de tres misas rezadas y por cada una dos reales...». Podemos observar as pequenas oscilacións anuais, pero o que máis chama a atención son as fortes subidas do ano 1770 e 1786. ¿Que puido ocorrer nestes anos? ¿Houbo algunha catástrofe natural ou pestes en Buxantes nestas datas? Seguiremos investigando.