Reportaje | Arquitectura popular Especialistas que acudiron a un congreso en Asturias consideran que o cabazo debería ser declarado Patrimonio Cultural da Humanidade por parte da Unesco
13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Dende 1985 non se celebraba un congreso que tivese como obxectivo abordar a desaparición progresiva dunha das construccións máis emblemáticas das paisaxes galega e asturiana, o hórreo. A pasada fin de semana, a sede foi unha pequena localidade de Asturias. A primeira foi en Santiago de Compostela hai dezanove anos, a que acolleu o segundo Congreso Europeo del Hórreo, onde se puxeron enriba da mesa os problemas que están a afectar a estas construccións. É evidente que os hórreos ou cabazos, según as zonas, son unha das manifestacións máis representativas da arquitectura rural galega como elemento humanizador e reflexo do inxenio popular. Fonte de riqueza Os cabazos son, ante todo, unha arquitectura especializada, é dicir, posúen unha función que lles é propia: a de almacenar e conservar a colleita, principalmente a de millo. Non hai tanto tempo que a economía galega era totalmente de autoconsumo, o que conlevaba que a subsistencia de todo un ano dependese da boa conservación deste cereal. Basicamente, os hórreos son unha resposta estructural a un problema, o de conservar o millo nun clima húmido e chuvioso, xa que logo o inimigo do gran é principalmente a humidade, e para evitalo é necesaria unha continua ventilación. A xenialidade do home do campo levouno a idear unha arquitectura case aérea , baseada no illamento do chan a través de zócalos ou pes de pedra; cámara delimitada por paredes de madeira ou pedra dispoñendo sincronizadas aberturas que permitan a entrada e saída do aire, e sobre todo os tornarratos ou rateiras, elemento que evita o acceso aos roedores, solución non coñecida polos romanos, o que, según algúns autores, faría pensar no hórreo como unha invención prerromana. Esta arquitectura popular a pesar de ter unha función específica, transcendentalmente tamén cumpriu unha función social , a de medir o poderío económico das familias repercutindo no rango social, é dicir, canto máis grande sexa o hórreo máis riqueza e prestixio social terá a familia. A situación dos hórreos na costa da Morte non se diferencia moito do resto da comunidade, pero si que posúe particularidades, sobre todo no que se refire a tipoloxías. Estas edificacións, ademais de adaptarse ao clima tamén o fan ao chan, utilizando materiais e formas de construcción propios da zona, configurando unha xeografía do hórreo propia e diferenciada. Costa da Morte Na Costa da Morte e en terras de Bergantiños encontramos bos exemplos de cabazos que, ademais, engloban características singulares. Así, dentro da diversidade de hórreos de madeira da provincia da Coruña destacan os de tipo bergantiñán por ser dos máis anchos e curtos. Esta anchura ben dada polo compartillamento interior en tres corredores lonxitudinais, facendo destas construccións unhas das máis voluminosas en madeira. A petrificación do hórreo representa a culminación dun proceso evolutivo que ten como antecedente o uso da madeira. Estes soen ser dunha maior perfección arquitectónica e de maiores dimensións. A súa distribución varía máis por factores xeolóxicos que climáticos. Exemplares característicos encontrámolos na zona de Coristanco, caracterizados polo emprego de estreitas filas de pedra na zona da cámara e reforzadas con grandes sillares nos esquinais. Algo moi característico destes hórreos son os pés onde se sustentan, caracterizados por ser finos, cónicos e rematados en capelas circulares á maneira de setas agrupadas. Estes hórreos esténdense ata Fisterra, outorgándolle á paisaxe unha singularidade chea de xenialidade e establecendo dous tipos propios: o de Coristanco e o tipo Fisterra. Dentro destes últimos destaca o de Cereixo, na cabeceira da ría de Camariñas, por ter unha lonxitude de 32 metros. Simboloxía Artesáns e canteiros ao longo dos séculos empregaron a súa imaxinación e o seu bo facer realizando estas pequenas construccións baseadas no equilibrio e na harmonía das formas. Algo tan importante dentro da economía familiar como era o hórreo supoñía unha especial atención no coidado e na protección do mesmo. A ornamentación dos hórreos con cruces ou pináculos nas súas cubertas non é común a todos eles, pero si que é xeralizada esteticamente. Hai autores que defenden a tese da disposición da cruz dunha maneira intencionada como elemento protector do elemento máis importante da economía familiar, o pan. Outro dos elementos ornamentais que se soen atopar nos hórreos son pináculos, dos que non se sabe se teñen un valor estético, decorativo ou de carácter funcional. Existen teorías que defenden que estes elementos poderían ser o resultado evolutivo das antigas pedras que se dispoñían na cuberta para contrarrestar a forza do vento. Futuro O número de cabazos existentes en Galicia aproxímase a 32.000 según o historiador Gómez-Tabanera. Este número verase fortemente diminuído en poucos anos debido principalmente á falta de uso destas edificacións, o que levará a un progresivo estado de abandono e inminente ruína. Outro factor que ameaza fortemente a transmisión de este elemento etnográfico é o cambio de uso que na actualidade están a sufrir, abandoando a funcionalidade específica para a que foi construído. Pero, sen dúbida, uns dos perigos inminentes que está a padecer é propagación de pseudohórreos , é dicir, o abandono das formas tradicionais e a estética típica do hórreo galego a cambio de auténticos atentados para a vista, levados máis polo capricho persoal que polo criterio. O congreso celebrado en Asturias chamou atención sobre a necesidade de protección que necesitan estes elementos, pois atópanse case desprotexidos. O decreto de 1973 resulta insuficiente, polo que son necesarias novas propostas de futuro. Os especialistas alí congregados xa lanzaron unha: a declaración do hórreo como Patrimonio Cultural da Humanidade por parte da Unesco. Dende Galicia, ¿cal vai ser a seguinte?