Reportaxe | Patrimonio da Costa da Morte As Torres do Allo son unha das poucas edificacións pacegas de estilo gótico que se conservan en Galicia. Axiña se convertirá no centro de información turística comarcal
06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.É ben certo que hai pazos e pazos e ao longo da Costa da Morte atopamos un bo número de deles. Nestes intres, quizais a noticia de que as maxestuosas Torres do Allo, situadas no municipio de Zas, van ser escenario para albergar un centro de información turística, non só da Terra de Soneira, senón tamén do resto da Costa da Morte, pódenos servir para coñecer algo máis da historia que encerra este conxunto arquitectónico. Sen dúbida, unha das características que fan deste pazo un exemplo paradigmático é a súa antigüedade e o seu estilo, pois é un dos poucos pazos góticos conservados en Galicia. O recibimento ao visitante non pode ser mellor. Ao longo da estrada de acceso atopamos dúas ringleiras de carballos que son a antesala da magnificencia que pouco despois van a atopar os nosos ollos. Serven de límite entre a actualidade e o pasado, un pasado que alberga a intemporalidade da historia. Orixes As orixes do Allo remóntanse ao século XV a través da existencia de vestixios dunha torre, hoxe desaparecida, que podería ter sido destruída tanto polas revoltas irmandiñas coma pola orde dos Reis Católicos, nun momento onde a existencia de fortalezas supoñía unha ameaza na política centralista da monarquía. Será a partir da transición do século XV ao XVI cando se empece a construir o edificio tal e como a podemos contemplar hoxe en día, nun proceso construtivo que perdurará ata o século XVII-XVIII. Os seus habitantes, partindo da linaxe dos Gómez de Riobóo Vilardefrancos, fóronse sucedendo o longo dos séculos emparentándose con diferentes familias da fidalguía bergantiñá, algo que aparece recollido na linguaxe da heráldica nos tres escudos pétreos dispostos na fachada principal. Símbolo Aínda que a denominación común é a de Torres do Allo, o conxunto arquitectónico elévase á categoría de pazo, entendido como a edificación propia da fidalguía galega a partir do século XVI. Pois é neste momento onde as torres e castelos pasan a converterse en mansións, limando os rasgos defensivos e quedando tan só como vestixio medieval as torres sen ameas, e adosando novas dependencias de carácter residencial. É precisamente neste século cando comenzan a aflorar as ansias de ostentación e preocupación estética a través de toda unha serie simboloxía de poder. No Allo encontrámola a través dos grandes escudos de armas, dispostos enriba das fiestras das torres, coa finalidade de amosar ostentosamente aos donos da casa e a súa nobleza. A fachada conta cunha cantería moi coidada na súa decoración, centrada nas torres, amosando as ansias de representatividade e o cambio de estilo. Este novo estilo é o do gótico final ou isabelino (estilo moderno e urbano propio da época dos Reis Católicos), a través de elementos como arcos conopiais dispostos nos ventanais, encadramento de alfiz e molduras con decoración, outorgándolle á fachada unha singularidade propia, pois son moi escasos os exemplos existentes de arquitectura civil con estas características. Outro exemplo da modernidade urbana trasladada ao rural tamén a vemos na capela de San Pedro, ubicada a poucos metros da casa principal. Este templo é de pequenas dimensións, e nel atópase a lápida do que se considera o fundador das Torres, Gómez de Riobóo el Viejo . A portada da capela amosa o maior interese artístico. Esta artículase mediante unha ornamentación e disposición que nos fala da asimiliación do estilo renacentista, seguramente procedente de Compostela. Entre columnas e sobre peanas podemos ver as figuras pétreas de Adán e Eva, que nos recordan ás que se dispoñen na fachada do Hospital Real de Santiago e presidindo toda a fachada unha imaxe de San Pedro sedente, santo que lle da nome á parroquia. Así pois, o conxunto do Allo supón case que unha excepción non soamente de calidade arquitectónica senón tamén polos detalles da súa ornamentación, mais propia do urbano que do rural. O Allo, hoxe Na actualidade o conxunto do Allo volveu recuperar a imaxe que no seu día tivo. Logo de quedar deshabitadas alá polos anos cincuenta do século pasado, o Allo sumiuse nun progresivo abondono e ruína. Será a partir de 1998 cando a Deputación de A Coruña se faga co edificio e comence a restaurar a construción e todo o seu entorno. O proxecto de restauración comprendeu, desde a consolidación de pisos e cubertas, ata a protección do entorno que contén de igual maneira un gran interese histórico: hórreos de pedra, lavadoiro, fonte... Agora, logo de estar reconstruídas, a súa historia continuará, esta vez para ser un punto de información turística que irradiará o coñecemento e interés sobre o noso patrimonio máis próximo.