Tangas e converxencia

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

18 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTOU convencido de que nos últimos anos converxemos co primeiro mundo cada vez con maior celeridade. Non me refiro, por suposto, nin á converxencia en materia económica e nin no plano do benestar social, falo en concreto da capacidade que temos para asumir modas. Nesta sociedade da información e da tecnoloxía a nosa renda per cápita non avanzará de maneira espectacular pero o que é na asunción de costumes estámonos a revelar como excelentes alumnos. Durante anos houbo unha loita encarnizada entre fillas-nais, noras-sogras, para que as mulleres máis vellas fosen deixando paulatinamente de lado os característicos panos da cabeza ou a tradición do loito rigoroso. Custou suor, discusións e bágoas en moitas casas íso de desterrar os panos atados na caluga: «Señora, ¿como vai ir coa pañoleta á festa? O mesmo pasa coa boina masculina que foi decaendo pouco a pouco. Pola contra hoxe todo é máis rápido e sen tantos tiras e afrouxas. Ponse de moda o tanga e non fai falta máis que dar unha volta por aí para comprobar que dos vaqueiros das mulleres sobresaen unhas sinxelas amarrallas que substitúen ás antigas bragas calefactoras. A globalización tamén trae algunhas alegrías. Pero como todo sempre haberá quen teña queixa de que se empregue tan pouco material para tapar as partes púdicas. Antes os paisanos empregaban uns calzóns de perna longa, dos que non se desfacían dende o outono ata a primavera, e unha braga das nosas avoas serviría para faceren nove «raca-tangas» deses que agora se estilan. Aínda que, en defensa dos mozos e mozas que levan a cacha ao aire, hai que dicir que nos últimos anos houbo un evidente cambio climático.