RADIOGRAFÍAS | O |
15 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.FALABA Elisa Álvarez, nun artigo publicado nestas páxinas, do apagón que sufriron zonas da bisbarra tras o forte temporal da semana pasada. Comentaba, con acerto, o caos que se vive cada vez que marcha o fluído eléctrico e o tedio no que nos mergullamos, afeitos como estamos a deixarnos levar pola comodidade. É xusto dicir que imos mellorando con respecto a hai uns anos. Todo é organizarse. Sabemos que non é procedente pórse a muxir todos á mesma hora, nin sequera creo que sexa ético prender as estufas de maneira sincronizada. As grandes compañías eléctricas teñen máis ansia de nós do que puidera parecer. Só hai que mirar a cantidade de encoros, parques eólicos e incluso as dúas térmicas que temos en Galicia. E, aínda que o groso dos impostos se paguen en Madrid, o que gozamos nas tardes de domingo do fume dunha térmica ou do fermoso espectáculo das brétemas sobre os encoros. ¿Hai acaso un espectáculo comparable, dende o punto de vista estético, a eses centos de muíños que dan voltas nos nosos montes? Turisticamente hai que ser sinceros e recoñecer que gañamos como reserva eléctrica. Ademais gustaríame que alguén reflexionase sobre esas horas sen televisión, nin máquinas de café, nin luz suficiente para o tute. Eses espazos de tempo en negro que convidan a arrimar os corpos e a buscar a calor que nega a tarifa nocturna, sen que te vexan nin os fillos nin tampouco a veciña mediopensionista que sempre está metida na casa: «Ai, Pepe, cando veña a luz sácate de chapista e dille aos de Fenosa que te contraten porque ti andas eléutrico». As compañías enerxéticas son os últimos reductos de romanticismo que quedan no mercado.