RADIOGRAFÍAS | O |
05 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ALEGREIME moito de velo naquela coñecida cafetaría de Carballo. Achegouse á nosa mesa e saudoume con ese sorriso franco que lle recordo dende que o coñecín no instituto. Botoulle un piropo á miña acompañante e díxome que saíra a cear co seu pai. Recordeille o pouco que nos viramos nos últimos anos e pregunteille por outra xente que formara parte da mesma panda. Non agardou máis e contoume que levaba tempo sen andar por aí de noite: «Estoume desintoxicando. Tiña problemas moi serios coa cocaína», explicou con naturalidade. Aguantei o tipo como puiden, pero a noticia sentoume coma unha labazada. Coñecino no Alfredo Brañas e logo coincidimos xuntos non poucas veces por Carballo, nos tempos aqueles nos que as saias das rapazas de COU nos amargaban a existencia. Logo deixei de saír por Carballo e, ao igual que a moitos outros, pasei anos sen velo. Atopámonos en contadísimas ocasións e cando esto ocorría dabámonos un abrazo e contabamos nuns minutos que tal ía todo. Por iso dígolles que as súas palabras instaláronseme en forma de néboa no estómago. Nunca, as veces que o atopei, imaxinei o problema. O sábado díxomo con esa súa franqueza perenne: «Deime conta que non podía seguir así». Logo resumiu o descenso aos infernos: alucinacións, voces, ruídos... Despois a volta para arriba da man dun programa de deshabituación no que leva xa meses: «Estou moito mellor. Síntome máis libre». Despedímonos e quedamos de vernos calquera día no mesmo sitio. Ceei e baixei a tomar algo pola zona dos pubs. Tiven unha estraña sensación agridoce no corpo toda a noite. Oxalá os ventos lle sopren propicios na nova singradura. ¡Avante!