Ata pronto, sor Benigna

XOSÉ PUMAR GÁNDARA

CARBALLO

TERRA E XENTE | O |

01 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

SOR BENIGNA, a superiora das Fillas da Caridade en Carballo, vén de ser nomeada superiora da casa central que teñen en León. As superioras confían en sor Benigna para exercer alí o servizo de caridade que, nestes catro anos, prestou aquí en Carballo, a esta vila e a todo Bergantiños. Sor Benigna quere moita a Carballo, á súa xente e, sobre todo, aos pobres e nenos con necesidades. Por iso lle costa deixarnos, pero obecede aos desexos das súas superioras. Sor Benigna xa estivera en Carballo antes de agora, tamén como superiora, ou mellor, como «servicial», que é como quere san Vicente de Paúl que se chamen as superioras das Fillas da Caridade. Naquela primeira etapa, sor Benigna traballou moito para que non pecharan esta casa de Carballo. E, nesta segunda etapa, a sor Benigna débeselle a restauración da capela onde os fregueses da parte norte de Carballo teñen misa e catequese. Tamén a restauración do exterior da casa foi idea e xestión de sor Benigna. Salientemos, así mesmo, a súa adicación ás compañeiras anciáns. Hai pouco alí finou sor Clara, tras longa enfermidade. Pois ben, as atencións e desvelos de sor Benigna foron un exemplo da moita caridade que leva no seu corazón. Estes días demos gracias a Deus por tanto ben que El nos deu pola man de sor Benigna. Felicitamos ás Fillas da Caridade por teren almas tan boas. Que Deus siga axudando a esta relixiosa para que en León, preto da súa terra de Salamanca, continúe sementando ben no seu arredor.