RADIOGRAFÍAS | O |
11 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O GARDA fíxome un sinal coa man para que me detivese na beiravía. Saudoume cortesmente e informoume de que el e os outros tres axentes uniformados que o acompañaban estaban a facer un control preventivo. Ao momento pensei que me ía expender algunha receita. Recordei que levaba o chaleco reflectante no maleteiro e que quizais o xogo de luces de recambio non estaba ao completo... O funcionario de Tráfico, que debía andar polos vinte e algo anos, pediume que lle mostrara o carné de conducir, o permiso de circulación e o recibo bancario de que tiña o seguro ao día. Non estaba seguro de ter o último dos documentos no coche. O tipo agardou amablemente mentres eu rebeiraba entre o caos de papeis que acostuman a acompañarme no vehículo. Finalmente apareceu e mandoume proseguir a marcha. Ao fío deste encontro con Tráfico, recordei o caso dun veciño da bisbarra ao que pararon hai tempo nun control de alcoholemia. Cando os axentes lle solicitaron o permiso de conducir, cóntase que, cun cabreo considerable, lles recriminou tan absurda petición. -Pero como o vou ter se mo sacastes hai dúas semanas en Carballo. Estamos aviados, aínda mo habiades perder. ¿E aghora como ha de ser?