RADIOGRAFÍAS | O |
31 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DICÍA EDUARDO Eiroa nunha súa columna que a hostelaría da Costa da Morte non pode caer no terrible vicio da cravada ao turista. Estas prácticas, lonxe de traer riqueza, deixan unha impresión no visitante de que se atopa no medio dunha cova de piratas. Hai xa anos, sendo estudante, no Xacobeo do 93, presenciei como un taberneiro compostelán lle cobraba trinta e cinco pesetas máis no café aos turistas que aos indíxenas. A maioría pagaban sen dicir nada, pero ben se lles vía que eran conscientes de estar sendo víctimas dun abuso ruín. É certo, así e todo, que non todos os profesionais, nin moito menos, empregan estas técnicas propias de prostibulario de terceira. Non obstante, chega a cara dura duns poucos lerchos para pegarlle o sambenito a todo o gremio. Ao remate a grande prexudicada a medio prazo é toda a nosa economía. ¿A que turista non bota para atrás o feito de saber que corre o risco de pagar por unha ración de polbo e unhas luras o dobre ca calquera outro parroquiano? Pódolles contar algo que vivín en carne propia nun local da nosa costa hai dous anos. Cun grupo de amigos pedimos un pouco de salpicón e uns tigres rabiosos para tomarlle unhas cañas e deixar pasar a tarde de domingo. O teórico salpicón eran pauciños de cangrexo con cebola e os tigres rabiosos tiñan un resaibo sospeitoso ao dos moluscos en lata. Para acabar de matar a cocha (perdoen a expresión) a factura foi de xulgado de garda. Dubidamos se armar un balbordo ou pagar e calar. Fixemos o último, pero asegúrolles que das veces que volvemos pola vila costeira non paramos máis naquel antro e, por suposto, non llo recomendo nin ao meu peor inimigo.