RADIOGRAFÍAS | O |
23 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HOXE, MENTRES escribo estas liñas, faltan xa moi poucas horas para a noite de San Xoán. Na miña aldea, coma en centos e centos de lugares de todo o país, esta xornada é unha das máis significativas do ano. Prenderase a cachela e os veciños xuntaranse comunalmente arredor dese lume purificador que espantará bruxas, meigas e trasnos, dando paso á xoldra e á ruada ata que comecen a escintilar os primeiros raios do día.? A min esta xornada tráeme sempre o recordo indeleble da infancia. Na tarde do día 23 os rapaces internabámonos nos montes próximos ao lugar. Buscabamos con ansia as espadanas, os fiúnchos, os bilicroques..., para adornar as portas e as fiestras das casas. Logo mirabamos como os maiores ordenaban todo para que nada faltase á hora da cea e viamos chegar aos gaiteiros coma quen ve vir aos mesmísimos Rolling Stones.? Á aldea estaba abonado un curioso grupo que lle chamaban A Sagrada Familia que nós coñeciamos popularmente polos de Arabexo (lugar de onde procedían). No conxunto tocaba un matrimonio moi maior, a súa dona, o fillo, a nora e unha neta. Viñan cos instrumentos nun taxi ou senón había que ir buscalos á súa parroquia. Logo o espectáculo era monumental. ? Ao vello e líder da peculiar orquestra tanto lle daba a unha gaita como a un piano de xoguete. O noso momento máis agardado era o rock and roll cantando nun galego-inglés a?ritmo de bombo, gaita e pandeireta. Non sei o que foi daquel grupo. O que si teño claro é que a principios dos oitenta eles foron, sen sabelo, uns auténticos precursores do movemento que unha década despois se coñecería como bravú. Na nosa infancia foron iso que se chama un grupo de culto.