Crónica | Despedida en Ordes A Policía Local tivo que deter a un grupo de mozos de Sanxenxo e Cambados que se levaron unha cadeira dunha moblería para facer carreiras polas rúas da localidade
21 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A madrugada do sábado ao domingo transcorría con normalidade en Ordes. Como cada fin de semana, milleiros de mozos divertíanse nunha das vilas con maior movida da provincia coruñesa. Sobre as cinco da mañá a Policía Local recibiu a chamada dunha moza na que alertaba dun posible furto nunha moblería emprazada nos Parques Municipais. Ata a céntrica zona achegáronse dúas patrullas policiais que avistaron unha especie de fenómeno paranormal: un mozo de 24 anos conducía, a modo de carrilana, unha cadeira xiratoria coas cores e o escudo do Fútbol Club Barcelona. Os incrédulos axentes procederon a identificación do piloto da nave e comprobaron que a porta da moblería se atopaba aberta. Cando se lle preguntou de onde proviña o estraño bólido a resposta do chofer incrementou o misterio do caso: «Atopámolo por aí». Tras as primeiras pescudas, constataron que os organizadores do particular rally pertencían a un numeroso grupo de mozos de Sanxenxo e Cambados. Segundo afirmaron, atopábanse agardando a chegada do bus que os levara de volta logo dunha frenética despedida de solteiro. Atrás quedaba unha copiosa cea, unhas intensas horas de troula e todo o que acompaña ás bacanais celebracións de cambio de estado. Despois de tomarlle os datos ao «Schumacher do Salnés», os axentes permitiron que o bus emprendera o camiño de regreso cara ás Rías Baixas. Un dos gardas municipais matizou que o comportamento da maioría do grupo foi «moi bo». El despertar Por se todo isto fose pouco, os mesmos policías tiveron que entrar no local para avisar a uns donos que durmían no piso superior alleos á esmorga. Nin as bucinas dos coches patrulla, nin o timbre, nin os berros, sacaron da cama ao matrimonio. Os propios axentes tiveron que subir ata o dormitorio da parella para alertalos de que sufriran un pequeno furto. A misión non era doada, na bisbarra máis dun temerario ten ouvido o zoar dos perdigóns neste tipo de incursións nocturnas. Por fortuna, cando a señora espertou cos uniformes ao lado da cama dixo sen sobresaltarse, «ai, sodes vós». Xa no baixo do establecemento, os propietarios confirmáronlle aos policías que era probable que a porta do negocio lles quedara aberta. Onte ao mediodía, a cadeira continuaba baixo custodia nas dependencias policiais. De seguro que o día da voda máis dun se acordará de como unha simple trangallada pode acabar no Xulgado. Non se sabe se o casamento en cuestión vai ser polo relixioso ou polo civil, o curioso é que a un dos convidados a celebración prematrimonial pode incluso saírlle polo penal. E que hai días, como indica o refrán, nos que se gaña máis quedando na cama.