RADIOGRAFÍAS | O |
26 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI UNS días un lector de Vimianzo mandaba unha carta a este xornal na que se queixaba de que a clase política e «intelectual» da Costa da Morte puxera todas as esperanzas de futuro na controvertida vía rápida. Parte de razón non lle faltaba ao dicir que por veces cremos que o progreso é sinónimo de destrucción sistemática do noso medio. Opino que a mellora das comunicacións é clave para vertebrar unha zona que ninguén discute que está deprimida economicamente. Porén a mellora da calidade de vida dos habitantes (velaí o que debe ser o progreso) non se reduce a conducir a 120 quilómetros por hora no canto de a 70. Coma moitísima outra xente, defendo a idea de que a conservación do medio e a valorización do patrimonio é un obxectivo primordial para garantir ese benestar. O mesmo se pode dicir de asuntos que se consideran erroneamente secundarios como a sanidade ou a educación. Unha boa vía de comunicación ata Fisterra non é, ao meu xuízo, un problema para o desenvolvemento sostido. Non se pode dicir o mesmo, da escandalosa falla dun urbanismo racional, da deificación dos eucaliptais ou do escaso control a algunhas industrias contaminantes.