RADIOGRAFÍAS | O |
18 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O DÍA das Letras Galegas paseino na praia. Sen ler, sen preocuparme deste noso bilingüismo harmónico-glotófago. Desconectei, sen o menor remordemento, de canto funeral e misa solemne se oficiou polo país. Sei que moitos dos actos de celebración (a maioría) foron feitos coa mellor intención do mundo. Porén eu non podo evitar ver nesta xornada unha especie de corsé nun idioma que precisa máis hoxe do seu uso diario ca de rituais e cerimonias. En moitos centros escolares aproveitaron o Día das Letras para engadir un festivo máis para venres ou martes e así gozar cunha ponte monumental. Os políticos vestíronse de festa e falaron marabillas da «lingua de Rosalía» en discursos inzados de pronomes mal colocados, verbos compostos e esa vergoñenta e antietimolóxica conxunción copulativa «i» da que xa practicamente non se libra ninguén máis que os paisanos: «Pedro i María foron ao Día das Letras i logo tomaron unhas copas en Carballo. I non viches a que se armou. Cho digo, cho repito e cho confirmo». Pero o Día das Letras confirmei que hai motivos de esperanza. Na praia ao meu carón dous rapazolos en plena adolescencia comentaban amoríos, ledicias e aventuras de fin de semana. Falaban co arrecendo da froita fresca que se sabe no mellor da vida: «A min ghustar, ghústame a Olaia pero nin pra min mira, che». Veña risos e camaradería. E aquí está o futuro e o zume da lingua, porque xa o dixo Curros hai 116 anos: «Évos a léngoa gallega / moza casadeira xa, / que en vez de arrulos de nenos / cantigas quer de galáns. / Quen folgue de ver alegre / penas non lle ha de contar / que as tocas das vellas nunca / sentan ben na mocedá».