Correrlle a «salú»

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

14 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTABA NUN nun quiosco da bisbarra e reparei nun libro da escritora e articulista pontevedresa Susana Fortes. Na contracapa de El amante albanés ( así rezaba o título da obra) aparecía unha foto en branco e negro da autora. Amosándolle o libro á propietaria do local louvei a fermosura da retratada. Un señor que mercaba o xornal quedou ollando a fotografía e tampouco dubidou en opinar sobre o aspecto físico da literata, «pois a verdade é que parece que lle corre salú ». Non era a primeira vez, nin moito menos, que escoitaba esta expresión tan nosa. Aínda así ficoume gravado este modismo lingüístico que levaba algún tempo sen ouvir. Para min, aínda que os diccionarios non o recollan, que a alguén lle corra salú ven sendo algo así como que lle vai ben a vida. Despois, pensándoo mellor, recordei a un velliño da miña aldea que me dicía que as rapazas de agora estaban demasiado delgadas e non tiñan moita traza de que lles correra a salú . Canon de beleza distinto Claro que o seu concepto de saúde e beleza estaba nun punto radicalmente oposto ao canon estético que manda dende hai tempo: mociños musculados e rapazas achicadas, dunha delgadeza case enfermiza. Para el, o arquetipo de beleza feminina, coma para moita outra xente daquela xeración, estaba representado nas mulleres robustas, de ostensibles coloretes nas facianas e pel delicadamente branca. Eso si, non sei porque non acabo de ver esa expresión a día de hoxe nun mozo novo. Imaxinen a estampa na rúa da Estrela en Carballo. Sábado night . Un mozo achégase a unha moza e déitalle no ouvido co maior lirismo posible «parece que che corre salú »... ¿Quen sabe?. Proben a ver se funciona.