Durmindo á intemperie

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

SECCIÓN | O |

13 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A SEMANA pasada saltaba á luz o caso dos irmáns de Cabana que conviviron durante semanas cos restos dunha vaca morta. A noticia é das que deixan mal corpo, a constatación de que tras o mundo de papel de regalo no que vivimos se agocha tamén a necesidade. Hai quince días o nome dunha pequena aldea de Tordoia tamén saltaba aos titulares de prensa. Seis membros dunha familia (cinco deles anciáns) levaban oito meses durmindo nun palleiro por mor de que lles paralizaran o arranxo da casa por orde administrativa. Pouco tempo antes de que este xornal sacara unha reportaxe sobre as condicións nas que vivía a familia, estiven vendo como tiñan o seu lugar de residencia entre a palla e os apeiros de labranza. As velliñas falaban comigo restándolle importancia ao feito de durmir á intemperie. Unha delas, cos ollos máis azuis que teño visto na miña vida, simplemente sorría cando lle preguntaba cómo podían estar así. Outra das mulleres nin sequera tiña carné de identidade, nunca empregara o dereito á asistencia sanitaria nin percibira unha pensión. Non existía a efectos administrativos. Hoxe tres semanas despois, sen cámaras nin flashes, a situación segue a ser a mesma.