RADIOGRAFÍAS | O |
30 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A DISCUSIÓN sobre se os celtas estiveron algunha vez en Galicia provocou non poucas discusións. A maioría dos historiadores actuais atribúen as teorías celtistas a un invento para mitificar a historia do noso pobo. Istes estudosos cren que o «suposto celtismo» nace entre nós en 1838, cando Verea y Aguiar publica a súa Historia de Galicia. A este autor sumaríanse anos máis tarde outros coma Vicetto e incluso un dos maiores poetas galegos, Eduardo Pondal, constrúe o seu mundo literario arredor desta idea. Aínda que autores actuais coma Calo Lourido aseguren que non hai arqueólogo que defenda as hipóteses das invasións celtas, esta aseveración non é tan rotundamente certa como se poida pensar. Teño presenciado vehementes discusións que case acaban a labazada limpa entre partidarios das dúas teses. Mesmo teño un bo amigo que, coma Galileo, non hai quen o desmonte de que o elemento celta deixou un innegable influxo na nosa cultura. O pasado domingo fun cear con el e durante horas faloume de lendas célticas coincidentes con moitas das nosas. Citaba de maneira febril ducias de libros que o facían reforzar na súa crenza. A súa compañeira dicíame: «Non lle fagas caso, hai noites que me empeza a min con ese conto na cama e non para ata que dan as tantas». Eu escóitoo porque, ademais de dar os seus argumentos, é desa xente que dá gusto ouvir. No que respecta ao dos celtas non vou tomar partido, non creo ter os coñecementos suficientes para facelo. Iso sí, se teño que posicionarme fágoo con este amigo, por ese brillo nos ollos dos que defenden as cousas con paixón e non coa acomodada ollada griseira que se acubilla nalgunhas nóminas.