TRIBUNA ABERTA | O |
24 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SEÑOR DOMÍNGUEZ: Desde esta fiestra aberta diríxome a vostede, na súa calidade de alcalde do Concello de Cee, en relación coa recente polémica da autovía Carballo-Fisterra. E fágoo co debido respecto, coa consideración que lle outorga o seu cargo e coa máis alta estima que me merecen os veciños da vila que representa. Pero a súa decisión, respaldada de xeito case unánime pola corporación que preside, non é propia de persoas que defendan o ben común, impregna un agre tufillo sobexo localista de máis, nada acorde cos tempos que corren, e lesiona poderosamente os dereitos de todos os cidadáns da bisbarra. Incluídos tamén os de Cee. Os seus veciños, os nosos amigos. E dígollo con profundo pesar, con meirande indignación. Parece mentira, señor Domínguez, que sexa vostede quen abandeire unha causa coma esta, tan inxusta coma discriminatoria. Lamentablemente, tanto vostede coma eu sabemos que Fisterra foi de sempre un lugar historicamente esquecido por todas as Administracións. E agora, por unha vez que temos a oportunidade de agarrarnos ao tren do progreso coa inclusión de Fisterra no trazado da vía de alta velocidade elaborado pola Xunta de Galicia, vai e alenta un plan alternativo, claramente localista e contrario aos intereses de dinamización da Costa da Morte. Pídolle, desde aquí, que amose unha actitude máis xenerosa e solidaria, máis xusta e consecuente. Señor Domínguez, goberne con sensatez e aprenda a aceptar os elementos propios do xogo democrático. A discrepancia no parecer, o debate e o intercambio de opinións, son síntomas de boa saúde política. Por último, as súas palabras, recollidas neste mesmo xornal, a respecto do posicionamento do presidente da asociación Neria, nas que asevera «constitúen unha ofensa para os ceenses e parece que se ri deles», son certamente preocupantes. Remato recordándolle que coa fin da Segunda Guerra Mundial desapareceu case definitivamente a definición conceptual da raza aria.