A divina inocencia

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

14 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DURANTE ISTE pequeno parón que supuxo a Semana Santa achegueime un día ata Cee e Corcubión para aproveitar a tarde de primavera. O itinerario escollido foi distinto ao que fago sempre, en vez de ir por Carballo, aventureime pola estrada que enlaza o núcleo cercedense da Silva con Santa Comba e dende alí fun ata Berdoias. O percorrido pagou a pena, aínda que cabería destacar o máis que pésimo estado da vía autonómica ata a súa chegada a Bembibre. Aposto a que nunca pasou por alí un conselleiro; e mellor que non o faga porque os coches oficiais pagámolos entre todos e non é caso. Xa en Corcubión o día prestábase para un paseo de vagar. Despois achegámonos a Cee a tomar un café e deixar fuxir o tempo antes da noite. Reparei no hospital, un tanto afeado polas manchas que proliferan no edificio de granito e recordei unha anécdota dunha amiga que traballa alí de enfermeira. Hai pouco tivo que ser intervida quirurxicamente polos propios compañeiros por mor dunha apendicite. Estando alí atopouse cun neno que a recoñeceu. Despois de saudala, o pícaro foi correndo ao pé da súa nai e díxolle en voz ben alta: «¡E logho non vistes, mamá, as enfermeiras tamén enferman como a xente!». Divina inocencia.