RADIOGRAFÍAS | O |
02 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESTIMADO CONSELLEIRO de Industria: Como vostede saberá, na Laracha dous empresarios están dispostos a realizar un investimento multimillonario que podería traer cincocentos empregos á bisbarra. O problema primordial é que as fontes de enerxía(electricidade e gas) necesarias para os proxectos son insuficientes. A miña obriga como columnista é, dentro das miñas modestas posibilidades, aportarlle ideas para solucionar esta situación. Así que dándolle voltas e voltas á cachola, pensei en varias medidas de choque que o seu departamento podería tomar de inmediato. En vista de que nin os centos de eolos eléctricos que hai polos montes, nin a planta de Sogama, nin a de Meirama dan feito nin para manter tres muxidoras á vez, propóñolle unha maneira limpa de producir electricidade. A cuestión é instalar pedaletas en San Caetano. Si, si, tal e como oe. En cada gabinete colocamos unha especie de bicicleta para que monten os directores xerais, xefes de servizo e demais cargos que solidariamente queiran darlle á dínamo baixo o lema de : «Mande un kilovatio de electricidade a Bergantiños». Poderiamos utilizar o reclamo de algún persoeiro famoso (ocórreseme Gayoso ou Juan Pardo) que sería o encargado de mandar os primeiros vatios. Estou vendo a placa: «Estes 500 postos de traballo foron posibles polo heroico esforzo de centos de altos cargos anónimos, que sacrificaron as súas apertadas axendas». Aplausos. A maneira de producir gas prefiro contarlla en privado. A natureza un tanto escatolóxica do proxecto paréceme inapropiada para esta carta aberta. Ademais aínda non resolvín o problema técnico de canalizar eses gases dende Santiago ata Lendo.