Anuncios de relax

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O ESCRITOR leonés Andrés Trapiello, que tantos devotos ten, di que a mellor literatura actual é a que se fai nos xornais. Eu non sei se é certo iso que di Trapiello, pero se teño que escoller a sección máis literaria dos periódicos non o dubidaría: A de relax. Non me confundan cun putañeiro empedernido ou con algo semellante. Non, o que pasa é que ler esas pouquerrechiñas palabras coas que se oferta un foguete por uns euros déixame marabillado. Ese hipermercado do sexo con expresións que deixan ao lector atónito: «bomboncito caliente», «castigadora, serás mi retrete», «ninfómana despendolada busca caballeros con clase», «Barbie y Samoa, regresan dos gatitas cachondas». Como comprenderán, omito outros moito máis fortes, pero que poden ler a diario nos anuncios breves de calquera xornal. ¿De verdade uns anuncios deste tipo pódenlle erguer a libido a alguén? Parece que si, se facemos caso a que hai ducias deles en todos os medios. Bótaselle en falla un pouco de sentido do humor aos anunciantes. Poño por exemplo: «Amañamos ferramentas. Arranxo de chapa e filtros. Todo en fontanería íntima. Tamén afinamos con delicadeza instrumentos de época a prezos moi competitivos... Presuposto sen compromiso. Déixeo (todo) nas nosas mans».