Entrevista | Mercedes Díaz Mayán Concelleira carnotana, xerente da confraría de O Pindo, lugar do que é natural, a súa inclusión nas listas foi proposta polo BNG da Costa da Morte e apoiada polo consello nacional
01 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O consello comarcal da Costa da Morte propuxo a Mercedes Díaz Mayán como candidata ó Congreso nas próximas eleccións do día 14 deste mes. O consello nacional, na reunión na que se decidiron as listas, aceptou incluíla no posto número oito dos nove posibles. Un lugar baixo, pero que a protagonista afronta co mesmo optimismo que se fose máis arriba. É natural de O Pindo, onde traballa na confraría (é a súa xerente). Concelleira en Carnota, a súa formación é a de mestra, e antes traballara un ano como tal no propio municipio. Ten 35 anos, un fillo de sete e está separada. -Porque os meus compañeiros me propuxeron. Había propostas e saín eu. E sen problemas. -¿É nova na política? -Levo case cinco anos de concelleira, pero son simpatizante do BNG de toda a vida. -¿Non lle da mágoa que, xa que vai, non poida facelo nun posto máis alto? -Non. Hai que poñer nove, e non todos poden ir arriba de todo. Eu penso que é unha magnífica oportunidade para defender a miña comarca, a miña terra, e tratarei de facelo o mellor que poida, con independencia do posto que teña. -¿Xa coñece ben a Costa da Morte? -Nos últimos días creo que pisei tódolos concellos de Soneira e Fisterra máis que Carnota, con múltiples visitas e reunións, e traballando por outros lugares máis que no meu. Aínda quedan moitos días e moitas cousas por facer. -¿Que problemas está vendo? -Os mesmos que vexo cada día en Carnota, no marisqueo, na pesca, nas infraestructuras... Estamos moi mal en comunicacións, peor que noutras zonas de Galicia. Din que avanzamos moito en tecnoloxía, pero aquí non temos nin liña ADSL. -¿E que lle parece o Plan Galicia? -Tiña outra idea do que ía a ser, pensei que se volcarían máis en cousas máis fundamentais. O Plan Galicia debería prestar atención ás necesidades básicas, como saneamentos, sanidade... Non digo que todo estea mal, pero hai cousas máis importantes para os veciños que un parador. - ¿Que demandas cre que son prioritarias para a zona? -As comuncacións, a tódolos niveis, de infraestructuras e tecnoloxía. Estamos moi mal comunicados. E o tren é outra das nosas aspiracións. -¿Que propoñen para a pesca e o marisqueo? -Entre outras cuestións, igualar as cotizacións á Seguridade Social das mariscadoras, que paguen en función do que traballen. -¿Máis obxectivos? -O coidado á xente maior. Estamos nunha comarca na que a xente nova vaise e os vellos non teñen quen os coide. Moitos teñen que deixar o seu traballo para poder facelo.