RADIOGRAFÍAS | O |
27 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.¡ALÓ NOS vai o antroido! Outra vez volve a normalidade, despois de días de trangallada colectiva e tiróns de orellas aos nosos prebostes municipais. En Fisterra, en Muxía e en Corcubión, polo que contaba Eduardo Eiroa, os antroidos aproveitaron para dicirlle a alcaldes e concelleiros das corporacións o que tan caldiño se ten durante todo o ano. Deberían os nosos munícipes analizar concienzudamente as coplas sarcásticas que lles dedican, porque da retranca popular tamén se deben extraer conclusións para encarar o novo ano político. Pois eso, aló vai a festa da carne e agora chega a frugalidade da vixilia. Sen embargo hai imaxes que valen o seu peso en ouro. A fotógrafa de La Voz, Ana García, retrataba ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, auscultando o corazón do seu socio de goberno Manuel Andrade. Poida que só sexa unha chanza ou tamén pode estar comprobando se ese amor, que deu como froito o tripartito, se vai consolidando co tempo ou se hai algún indicio de que a chama perde forza. Co antroido xa pasado tamén chega esta fin de semana a Cee o titular da todopoderosa Consellería de Política Territorial. Núñez Feijoo acode á festa dos populares locais no medio dunha campaña electoral que anda revolucionada. Os da vila da Xunqueiraa queren saír na foto cun conselleiro que cada vez soa con máis forza nas quinielas do posfraguismo. Porque dous anos e medio non son nada e hoxe un está en Cee, dentro duns meses nun ministerio madrileño e despois en peregrinación de volta cara Compostela. Porque xa o dicía Napoléon: San Caetano ben vale unha cea. Ou como se di nos cautos e case inescrutables parlamentos tabernarios: «Por se acaso».