Cariocas

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

25 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SEICA ANDARON as garotas brasileiras meneando nas cadeiras pola Costa da Morte. Eduardo Eiroa mándanos unha crónica dende Cee, ilustrada cunha foto na que se ve a dúas mulatas, feitas á macheta, bailando a escape libre. Uns paisanos que tamén saían non perdían ollo do baile da criba que mandaban as cariocas. Recordei cando aló polos primeiros oitenta veu tocar unha orquestra á parroquia. A solista era unha mulata brasileira que cantaba aquelo de «meu tío que é brasileiro baila en Pelotas no mes de abril» entre as miradas abstraídas de ducias de vellos que parecían non dar crédito a existencia de aquela muller que cantaba con voz melosa enriba do palco de madeira, mentres os rapaces intentaban ver por detrás do escenario como podía ser que existira no mundo unha braga tan cativa. Vinte e tantos anos despois, se volvese aquela mulata á parroquia non a recoñecería. Non creo que a ninguén lle caera a dentadura postiza, nin se lle erguera a boina mirando para as caxotas da brasileira. Ás veces penso no que matinaría aquela muller ao ver aquela cara dos paisanos, como se aínda trouxeramos na mirada a cartilla de racionamento que quedara décadas atrás esquencida. A historia pesa, ata nas cousa pequenas.