«O concurso tamén é un berce para futuros escritores»

s. g. | carballo

CARBALLO

CASAL

Entrevista | José Ramón Rey Senra Más de dous mil traballos procedentes de colexios de toda a comarca foron presentados, ao longo dos últimos doce anos, ós premios cos que se trata de fomentar a lectura

23 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O concurso de achegamento ao libro que organiza, cada ano (con éste, trece), a biblioteca municipal de Cee Francisco Mayán e máis a Delegación de Cultura do Concello, é unha cita de referencia nas letras comarcais. O ano pasado presentáronse máis de douscentos traballos nas diversas categorías. O certame está dividido en tres seccións: o de chegamento ao libro para escolares de primaria ata ESO; o de achegamento ao teatro, con 100 euros, e o de En busca do noso cómic (80 euros). En total, 450 euros en premios para as distintas categorías, canxeables por material didáctico. Tamén se darán moitos accesits (na anterior edición, 32), coa colaboración de Caixanova. Os resultados saberanse o 18 de maio. -Claro que si. Participan rapaces de Muxía, do Pindo, de Vilarmide, Fisterra, Corcubión... Sempre hai máis de Cee, pero non faltan doutros sitios. Ademais, o ano pasado, o concurso En busca do noso segundo marcapáxinas (cada ano, unha parte dun libro, que logo editaremos), gañouno un escolar de Muxía. -Ese libro do que fala aparece cada moitos anos. -O que temos, apareceu aos dez. Gracias á colaboración da Deputación da Coruña, fixemos unha tirada de tres mil exemplares. Nel aparecen todos os premiados. -Xa son moitos anos de certame. ¿Notou variación na calidad ou no estilo? -Non moita, xa que como o tema sempre é de achegamento ao libro, están todos moi relacionados. Hai variacións, ás veces, como pasou o ano pasado, no que moitas obras trataban sobre o Prestige . -Tamén é un bo lugar para o despertar dos escritores. -Si, este concurso tamén é un berce para futuros escritores. Hai varios nomes de rapaces que co tempo acabaron publicando cousas, e pode haber máis. Outra cousa que chama a atención é que, ano tras ano, repítense moitos nomes nos gañadores. Os bos dun ano tamén o son ao seguinte. -Pero algún cambio si que notaría. -Son cambios, sobre todo, exteriores. Co tempo que levamos facendo isto empezamos coa educación xeral básica e agora temos todo o da ESO. Os premios eran de pesetas e agora son de euros, sempre canxeables por material. E antes mandaban traballos a man ou a máquina e agora xa case a metade vén en ordenador. -Salvo o teatro, por motivos evidentes, ¿no de achegamento ao libro hai máis narrativa ou poesía? -Narrativa, con moita diferencia, o que non quita que de cando en vez apareza algunha poesía. Pero é a excepción. -¿Que papel xogan os mestres na participación? -Un moi importante, xa que moitas veces os textos son traballos de clase. Pero tamén os pais se implican para que os fillos participen.