RADIOGRAFÍAS | O |
17 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.GABRIEL GARCÍA Márquez falaría, sen dúbida, da crónica dunha morte anunciada. Onte, pouco despois das tres da tarde, un coche acabou co can Marelo. A mesma estrada Ordes-Carballo, na que tantas veces se ten estomballado, foi o tráxico escenario do accidente. A esta hora, na que escribo este apresurado réquiem, o Marelo xace nunha anónima caixa de cartón: mudo e quieto coma este estraño día de inverno con sol. Podo dicir que por méritos foi o can máis famoso desta aldea, a mesma na que decidiu instalarse hai dous anos, coma un vagabundo curtido en mil batallas. Chegou buscando un exilio para curar as feridas e foi gañando a pulso o respecto dos maiores e o agarimo sincero dos máis pequenos. Chegou á Tablilla, na parroquia cercedense de Rodís, un día gris de inverno, sen máis compañía ca os seus ósos estreitos e a mirada tristeira de quen tivo antes un dono indigno. Aquí axiña atopou a amizade franca dos cativos, que lle devolveron a confianza na sempre imprevisible especie humana. Dende esas teño visto como moita xente da que para a tomar a caña nos bares despois de traballar saudaba ao animal coma quen saúda a un parroquiano: «¡Que Marelo, vives mellor ca un arcebispo!». E o can dáballe ao rabo, como afirmándose e mandáballe outra soneca buscando a raiola, mentres sacaba a lingua rebuldeira. Dicía Yeats que a infancia tamén é a patria do home; por iso sei que cada un dos agora rapaces recordará dentro de ben anos a aquel palleirán velliño que cada tarde agardaba puntualmente a chegada do bus escolar, para acompañalos ata as súas casas lucindo o seu orgullo de can libre. A onde queira que marcharas hoxe: ¡Saúde compañeiro!