MEMORIAS RIOPRATENSES | O |
14 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A CORRESPONDENCIA familiar dos emigrantes é unha documentación moi rica e valiosa para todo historiador que utilice unha metodoloxía axeitada porque son documentos creados polo propio emigrante. As cartas informan sobre tódolos aspectos da nova vida en América e permiten unha visión do fenómeno migratorio desde as experiencias cotiáns do que escribe. As que chegan desde Bos Aires e Montevideo son as que manteñen informadas a familias e veciños sobre tódolos aconteceres da vida na outra banda do mar. Acabo de ler un moi ben documentado traballo -aínda inédito- de investigación histórica titulado As cartas do destino (Emigración e cambio social en San Sadurniño, 1892-1940) do que son autores os profesores Xosé Manuel Núñez Seixas e Raúl Soutelo Vázquez. O labor destes dous historiadores foi recoñecido pola Deputación da Coruña co premio Manuel Murguía. O tema central da súa investigación é a análise da emigración no concello coruñés de San Sadurniño a través das cartas recibidas desde América. Os afortunados autores puideron recompilar de xeito sistemático o epistolario familiar dos irmáns Naveiras (nacidos na parroquia de Ferreira) composto por 230 cartas. Desde Montevideo Vicente Naveiras escribiu 108 cartas entre 1932 e 1971 e os seus irmáns Eduardo e José desde Bos Aires escribiron 122 entre 1919 e 1969. Os emigrados escribíanlle a seus irmáns Emilio e María que quedaran na casa familiar. Quero falar de Vicente Naveiras. Viviu nunha rúa montevideana que coñecín persoalmente e foi tamén quen escribiu individualmente máis cartas. Por medio delas sabemos que Vicente emigrou con 17 anos a Montevideo e logo foi para Cuba e novamente volveu a Montevideo en 1930. Na capital uruguaia e observando os remites das cartas sabemos que Vicente tivo catro sucesivos domicilios nas rúas Río Negro, Cerro Largo, Juncal e Irlanda. Andregalla Nesta última foi na que morreu. Sendo neno fun con meus pais moitas veces ata a rúa Irlanda. Alí vivía un matrimonio amigo formado por Olga Oroña (A Pereira-Santa Comba) e Manuel Lema (Oróns-Vimianzo). Manuel era o irmán emigrado do meu tío José María de Baio e traballaba na panadería que tiña Daniel Espasandín ( do lugar de Andregalla-Zas) na veciña rúa Justo Maeso. Con Daniel era doado simpatizar. Home de trato cordial e ademais siareiro do meu equipo, Peñarol. Xa que falamos de Peñarol corresponde que lembre que foi na panadería de Daniel na que tivo o seu primeiro traballo Óscar Martínez. Óscar era da mesma aldea de Daniel (Andregalla) e foi para Montevideo xunto con meu pai no barco Castel Bianco no 1955. Anos despois de traballar con Daniel estableceuse cunha panadería propia na cidade de Pando no departamento de Canelones. Óscar é o pai do xogador uruguaio Andrés Martínez, coñecido como el gayego Martínez e que entre varios equipos xogou en Peñarol, Osasuna e Racing de Ferrol. Lembro que a primeira vez que comín asado con coiro (carne de vacún feita na grella coa pel) foi no casamento de Óscar celebrado aló polo 1965 nunha fermosa chacra (granxa agrícola) do Empalme Olmos a poucos quilómetros de Pando. Condicións de vida Non sabemos se o emigrante Naveiras ía mercar o pan á panadería de Daniel Espasandín porque na súa correspondencia non o di pero si sabemos que estaba preocupado pola mellora das condicións de vida dos seus familiares e por axudarlles a mercar terras. Vicente enviaba periodicamente xornais e revistas para a familia de Ferreira e nunha carta do 27 de agosto de 1958 fala dos problemas laborais no Uruguai e dos seus esforzos para poder gañar un salario digno. Conta na súa carta: «...Estoy pasando por un año bastante malo respecto al trabajo que escasea muchísimo, estamos pasando por períodos de crisis muy grande y la vida está tan cara que uno tiene $100 pesos en el bolsillo y es como si no tuviera nada porque somos 3 personas y no nos alcanzan $10 pesos por día sólo para comer...».