Rompendo os esquemas

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

10 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI XA unhas semanas, esta edición falaba de que a policía sorprendera en Carballo a un tipo deses que son coñecidos como «miróns». O paisano dedicábase a observar ás parellas que buscaban a intimidade nos seus coches. Tempo despois vin unha reportaxe televisiva na que se mostraba como actuaban os miróns a plena luz do día na Casa de Campo de Madrid. Alí, mentres os conductores contrataban os servizos das prostitutas, estes poñíanse a mirar polas ventás do coche con toda tranquilidade. Despois confesábanlle ao xornalista que para eles era un pracer estar vendo todo coma nun filme e que incluso había ocasións nas que lle aplaudían á parella por «fenómenos». Recordei un caso acontecido na comarca e que me comentou non hai moito un señor. Resulta que cando era máis novo estaba coa súa parella nun Renault-12. Era pleno verán e a efervescencia fixo que o coche acabara parado nunha corredoira. Aplicados ao choio non se deron conta de que había un terceiro individuo que estaba contemplando a escena. O susto foi monumental cando lles petou cunha vara no cristal e lles pediu se podían chegar o coche atrás «para que pasen as vacas». Neste caso, máis que un mirón o señor provocou un coitus interruptus.