RADIOGRAFÍAS | O |
24 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.QUERIDO MINISTRO de Fomento, Francisco Álvarez Cascos: A política é un pouco máis triste dende que anunciou o mércores o abandono da «res pública». E a despedida foi tan lírica que incluso vostede, Paco(hai confianza), mal chamado por algúns o «doberman», non perdeu a oportunidade de ler uns versos: «Más triunfos, más coronas dio al prudente / que supo retirarse, la fortuna / que al que esperó obstinada y locamente». Bravo, señor ministro, ser político non significa necesariamente relegar a poesía ao quinto pino. Porque, aínda que un amigo meu diga que iso é só márketing de a patacón, nada é máis fermoso ca despedirse con poesía. E pouco máis dá se a razón de deixar o cargo foi por amor, por incompetencia no choio, por cansazo, por navalladas internas, por algunha chantaxe ou por algo de todo. Este pobre columnista, que se cabreou cando aos de San Caetano se lle deu por concederlle a Chapa de Galicia hai uns meses, non deixa de recoñecer que o poema que escolleu é boa verdade. Porque, ¡canta mágoa dá ver a algúns políticos agarrarse ao cargo, á secretaría, á dedicación exclusiva, á banqueta de deputado¡. A política non é unha vocación senón que acaba sendo para moitos a única profesión posible e despois un acaba asinando decretos e asistindo a comisións informativas con pinta de sogra aburrida. Por iso eu quero pensar que vostede non dimite por incompetencia ou porque lle apertaron as caravillas, prefiro pensar que deixa a dura vida de ministro pola placidez e a emoción dos amenceres coa amada. Porque, perdoe a miña vulgaridade, a política ten os seus paralelismos co amor: «é algo que sube e que baixa» e nunca está tranquila.