A BOCA PEQUENA | O |
23 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CHÁMOME MAR e vivo na terra. Nas miñas entrañas viven peixes, plantas mariñas, baleas, etc. Algúns días veñen uns seres chamados humanos e aran o meu corpo cunhas máquinas ás que lles chaman barcos. Ás veces tiran moito lixo e eu devólvollelo ás praias, pero outras veces non podo facelo e por isto morren moitos peixes. Ós humanos gústalles moito vir á miña beira e bañarse no verán, pasan moitas horas, e a xente tira colillas, plásticos, latas, botellas..., a pesar de que eles mesmos teñen contedores e papeleiras para recoller e tirar o lixo.Un día un barco moi grande foi deixando un regueiro de petróleo, empezoume a doer a barriga; despois de varios días o barco penetrou no meu ventre e empezou a soltar todo o petróleo que tiña. Algúns humanos axudáronme a librarme do chapapote, foron moi solidarios, notábase que lles prexudicaba; pero outros non se dan conta de que, tarde ou cedo, o dano que me fan vano sufrir. Esta non era a primeira vez que me sucedera. Tamén os hai que limpan os barcos e botan todo o seu lixo pola borda. Os desaugadoiros das cidades fanme dano; pero, cando baixa a marea, eu devólvollelo con malos olores e toda a beira emporcada. Outras veces veñen pescar ós seres que viven dentro de min, coma auténticos avariciosos. Case esgotan as poboacións de peixes, baleas, focas... Teño moitos peixes de diferentes especies, pero algunhas están en perigo de extinción. Se queredes cousas de min, non contaminedes o mar con lixo, non pesquedes en exceso, non me tratedes mal, pois eu son parte do voso mundo e son esencial para a vosa vida. Sen min non existiriades, pois a vida comezou dentro do meu ser hai moitos millóns de anos. Só vos pido que me queirades. Juan Vidal Naveiras é alumno do colexio Compañía de María de Ferrol