RADIOGRAFÍAS | O |
19 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O DOMINGO estiven cuns compañeiros tomando algo nunha cervexería. Mentres no local todo o mundo se concentraba no Betis-Real Madrid, a nosa mesa parecía a caixa dos tronos. A orixe da discordia era a polémica prohibición do goberno francés ao uso do velo, ou calquera símbolo relixioso, nas escolas públicas. Así que entre tanto que Ronaldo salvaba ao seu equipo da derrota en Sevilla, no noso debate prendíanse os ánimos e non faltaban as coiteladas dialécticas entre partidarios e detractores da medida tomada en Francia. Nin que dicir ten que pasamos máis dunha hora discutindo acaloradamente. Chegamos a ese punto no que un non se desmonta da burra, simplemente para non dar o brazo a torcer. Quizais por iso, e pola confianza, non faltou algunha trallada verbal: «Fascista», «pseudoprogre», «demagogo» ou «xenófobo». Non se asusten porque todo era producto da intensidade do debate e ninguén o tomaba a peito. Ao remate pasou o que soe pasar cando se chega a istes puntos, batendo coas cabezas coma os carneiros, todos quedamos igual de amigos pero cada un coa mesmiña postura. Ben, quizais un pouco máis aliviados por descargar un pouco a adrenalina antes de incorporármonos ao traballo semanal. Nada que non fixeran os que estaban vendo o partido e que mandaban algunha que outra imprecación contra o pobre televisor. Despois cando regresaba no coche para a miña casa, non puiden evitar que se me debuxara un sorriso. Un amigo que defendía a mesma opinión ca min está casado cunha rapaza que defende a contraria. Imaxino a situación, ela erre que erre; e el dicindo con rexouba: «Corramos un tupido velo». Isto tamén é a globalización.