RADIOGRAFÍAS | O |
10 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A VELLA rífalle ao rapaz: «¡Quita as mans dos petos que pareces parvo!». O raparigo, que está nesa idade na que empezan a saír os primeiros pelos debaixo do nariz, cala e mantense coas mans metidas no pantalón do chándal e unha gorra coma os xogadores de béisbol. A señora funga contra a xuventude e contra o mundo, «non podías vir con outra roupa a Carballo, pareces un antroido». A conversa, máis ou menos literal, recollina esta mesma semana en Carballo, mentres agardaba nunha ringleira dunha entidade bancaria. Pouco despois puiden ver como a avoa cruzaba un paso de peóns do centro axudada polo adolescente que a levaba de ganchete. Ao fin e ao cabo, a pesar, dalgunha que outra liorta notábase que se levaban ben. E velaí o contraste de máis de sesenta anos de diferencia e unhas experiencias vitais completamente diferentes. A señora criada nunha dura posguerra e o rapaz medrando nestes tempos onde a máis moderna tecnoloxía (móbiles, computadoras ou dvds) convive de forma natural coa cultura tradicional labrega de toda a vida. No verán vira dous casos que poderían actuar como metáfora ben explicativa e que xa contei aquí. O primeiro, un matrimonio de anciáns en Caión apañando as cebolas co sombreiro de palla na cabeza mentres as paisanas toman o sol e top-less e outros beben cañas sen dó á sombra dos bochinches. O segundo caso foi ver o dunha señora vestida de rigoroso loito en Razo, nun abafante día de verán, levándolle unha taboíña de surf na man a uns netos contentísimos. Porque se é sorprendente cómo se adaptan os máis pequenos a este mundo de vertixe, aínda o é máis ver como o fai unha persoa de 80 e moitos anos.