Despois dos Reis

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

07 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

POLA MIÑA casa pasaron os Reis e nesta ocasión foron ben magnánimos. Deixáronme uns calzóns, uns libros e uns poucos euros para subir a costa de xaneiro. Como imaxinarán, fun feliz desfacendo as caixas. Entre os libros que me trouxeron está a nova normativa, chamada da concordia, aprobada pola Real Academia Galega o verán pasado e que hai pouco que entrou en vigor. No que respecta aos calzóns, ben bonitos por certo, son deses que deixan a un sorprendido ao ver aquel paquete que sobresae artificialmente de entre as pernas. Hoxe en día, mergullados como estamos nun mundo de aparencias, todo ten remedio; incluso presumir dun fol máis inflado do normal. Todo isto, digo o dos agasallos, por suposto, levoume a outro tempo no que a noite de Reis viña marcada polo insomnio. Agardaba ata que o reloxo daba as tres da mañá para ver cómo chegaban os camelos e comían a súa dose de millo nos meus zapatos do trinque. O caso é que nunca daba cachado aos moi condenados que chegaban cando en min xa prendera o sono traidor. Nunca me trouxeron o cobizado Scalextric co que encabezaba sempre as miñas cartas de letra retorta, pero pola contra aparecían outros agasallos que me mantiñan os ollos fóra de órbita durante días: un autobús de xoguete, un xogo de indios e vaqueiros... Pero cando ao día seguinte comezaba a escola había algo que me desconcertaba e facía desconfiar terriblemente na existencia dos Reis; algún amigo da miña idade, 5 ou 6 anos, dicíame que pola súa casa aquel ano tampouco pasaran o trío de marras, «ao mellor é porque aínda non nos asfaltaron a pista da aldea». A explicación resignada sabíame a tristura, intuía a súa noite estéril en vela.