TERRA E XENTE | O |
06 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.UN SERÁN neboiro de Nadal, veciños tralas contras entornadas pola resignación, ven pasar ás apalpadas a un home só, apenas aferrado a un bastón, coas polpas aínda húmidas, pegada do laborar no derradeiro pelouro dos Barreiros. Fai camiño a carón do que queda do Forno da Costa, preto do da Lucha, despois de ser recuperados para a vista pola única intervención arqueolóxica, a da pa mecánica. Canso, enfía o seu diario viacrucis dende hai semanas, apá de compaña e agarimo, o alfar de Pepe, acubillo de dignidade. Na soleira saúdanlle uns versos do bardo que visitou esta postiña de creatividade. Os dous sabios parolan con silencios. Láianse de que míngue a lista de oleiros por mor do lapidario transcorrer do tempo, da circunstancia desgraciada, mais sobre todo polo cansazo na espera do incerto futuro que embala aos máis mozos cara a mecenas laboral de Zara. Incrédulos ante os mentireiros que espallan records de visitantes ou institucionais coceduras de cartón pedra, aínda por riba amosan sentimentos de culpa. Seica morre o oficio por inanición, por deixadez, rexubea Caamaño; disque polo sino dos tempos, sentencia Muxicas. Ule a desesperanza no Buño alfareiro. Nunca máis Ogallá un Nunca Máis para as crebas da olería tradicional, pois o desastre patrimonial é un feito. O progreso tecnolóxico e os avances sociolaborais non poden seguir sendo a desculpa, o engano para ceramistas, comerciais, políticos e demais. A olería de autor, necesaria pero sen razón de ser senon hai quen manteña o pendón orixinario, non é puntal abondo para soster tan falsa posta en escea. É un oxímoro que fagocita a plusvalía identataria desta artesanía. E segue a farsa, lévanse anos trebellando en partes do corpo de Buño, non na alma. Buño é un palimpsesto e aplícaselle tratamento de trampantoxo . Ficou parado o torno pois o mestre oleiro apenas ve, mais óllate se o óes. Cómprese parar a escoitar a voz dos devanceiros artesáns. Aquel que non é quen de comprender unha mirada, aínda entenderá menos un razoamento. O meu sinceiro recoñecemento, humilde homenaxe sen fotos nin mantel. Arrínqueseme da nómina da ong voceiros por Buño. Asino o texto por imperativo. Este non é un exercicio de estilo. Nin sequera pretende engordar a miña vaidade, efecto secundario da estupidez. Tampouco ansío ter razón: ás persoas só raramente se lles mellora polo feito de lles dicir catro verdades. Quen isto escribe faino dende a dúbida. Só lle avala o feito, e a elo me remito, para expresar a perplexidade dunha situación inxusta e case que irremediabel. Non quero ser cómplice autista dunha inconsciencia. Demando sentido estratéxico innovador. De seguirmos esta derrota, non tardaremos en vivenciar Buño só coa imaxinación ou co recordo. Compromiso Ningún cargo outorga crédito polo mero feito de posuílo. Nin ten carta branca por ir baixo palio. A razón non está no visceral actuar, nin na larinxe de bar, nin na presencia mediática cada doce meses. Aniña no compromiso, na decencia, na imprescindibel humildade de escoitar, de reflexionar e da vontade do quefacer común. Dunha vez por todas, afróntese conxuntamente e con seriedade Buño, por xente como Antonio, Langueirón, Aparicio, Rulo, Carme Isabel, Fernando, Maruja, Lista, Juan José, Cidre, Gorín, Marilá, Esperanza, Lola e as tendas comprometidas...a eles, a elas, as miñas desculpas por non faceren máis, un ten os seus adivais. E Antonio, eses chispeiros que me dis ver e que alumean a túa esperanza, xorden do chocar con carraxe a bonhomía e o saber que herdaches e atesouras. Buxina crítica, non deixes de me bourear. Non claudiquedes, Antonio, dillo a todos.