RADIOGRAFÍAS | O |
02 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.IRIS NACEU trinta e cinco minutos depois de que as badaladas anunciaran un novo ano. O seu fermoso rostro de bebé, cos olliños pechados, ilustra unha nova Galicia, a cara dunha nova xeración. Foi en Cee, no hospital comarcal, onde Iris se converteu na primeira galega do ano. Quixérono os pais, uns mozos de Camariñas emigrados, coma tantos outros, nas chamadas Illas Afortunadas. Dentro duns meses a rapaza volverá a cruzar o Atlántico, camiño de Fuerteventura, moi lonxe desta terra de brétama e orballo na que algo falla estrepitosamente. Dicía este xornal que xa é tradición que as nais da Costa da Morte veñan traer aos seus fillos ao mundo ao seu lugar de orixe. Porque agora a diferencia de hai medio século os nenos nacen en modernos hospitais, pero hai algo que non cambiou: moitos pais buscan un futuro mellor a centos de quilómetros da súa terra. Mudaron os tempos, navegamos pola rede, traemos a grandes estrelas de rock a cantarlle ao Xacobeo pero ás veces os decorados poida que sexan de cartón-pedra. Imaxino a Bob Dylan no monte do gozo cantando Like a rolling stone, e será o lugar idóneo porque seguimos a ser pedras rodantes polas congostras da emigración.