RADIOGRAFÍAS | O |
15 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O SÁBADO saín polos locais de copas de Carballo. Había bastante tempo que non vía de cerca o que se coce por estes lares e tiña gana de meterme de cheo na tribo da noite. Aparquei na praza do Concello e dediqueime a dar unhas voltas pola vila, incluso fun ver a praza de Galicia que, por certo, entre as luceciñas do Nadal e as últimas reformas quedou ben máis fermosa. Logo de papar unha cea máis ben frugal -é sabido que o mes de xaneiro está á volta da esquina e o meu peto anda constipado- vin nas agullas do reloxo que xa pasaba da medianoite así que me metín cara a rúa da Estrela. A esas horas, as pandas de rapaces de dezasete e dezaoito anos paseaban polo lugar coa lóxica sobrecarga de hormonas. Entrei nun pub e pedín algo de beber a unha camareira. A rapaza xa non era guapa, era algo máis que iso. Pensei que isto da hostalería tamén debe estar chungo: ademais de ter que poñer copas toda a noite e sorrir cara calquera paduán, tamén hai que ter unhas curvas propias dunha top-model. O caso é que decidín observar a variopinta clientela para ver como ía agora eso do ligoteo. E como din os vellos: «As cousas sonche moi parecidas dende que o mundo é mundo». Coma sempre: dende a clásica muller fatal enfundada cunha minisaia de coiro negro ata as máis recatadiñas que bailan con pasiños curtos; dende o tipo que está na barra emperrenchado en acabar coas existencias ata o long-play que pensa que non hai unha soa rapaza que non deveza polo seu «paquete» artificial. Todo cambia para que todo siga igual. Pero a noite ten a maxia de que un esquence por unhas horas esa incómoda rutina que nos meten con vaselina e supositorios de luns a venres.