A raposa de Laxe

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O martes non puiden ler o xornal ata pasadas as dez da noite. Despois dun día deses nos que un ten pensamentos homicidas contra a quen se lle ocorreu conxugar en presente o verbo traballar, comecei a pasar as follas do diario con certo fastío. A noticia dunha raposa en Laxe que «se va de tapas» conseguiu espertar en min o interese pola lectura. Ao fin e ao cabo, en días así, faise boa a máxima de que un canto máis coñece ás persoas máis admira aos animais. Pois velaí na parroquia de San Amedio de Sarces que se obrou a milagre dunha raposa, Panchita para máis sinais, que vai tranquilamente de tapas a un bar, coma se fora un parroquiano máis do lugar. ¡Que envexa me entrou de non estar alí en vivo e en directo! Os animais, «fóra a alma» como di miña avoa, sonche como a xente, e visto o visto algúns deles, a pesar de ser vistos como salvaxes, sonche ben máis sociables que algúns dos nosos conxéneres. Quédame a dúbida se ó bicho de marras lle prestará unha cunquiña de ribeiro canda a tapa. Polo que di o dono do bar a Panchita , lista que é, non é moi amiga da comida rápida. Pena daquel coello rabudo, tamén de Laxe, que alguén secuestrou sen dar nunca máis noticia. Espero que Panchita corra mellor sorte e saiba fuxir de bandoleiros, furtivos e das traizoeiras luces dos coches. A min, o caso desta raposa non fai máis que reafirmarme nas miñas teorías sobre este país. É mágoa que os nosos animais non teñan responsabilidades políticas, porque, «fóra a alma», repito, téñenche máis saber estar e relación co pobo ca moitos dos nosos altos cargos... ¡Qué contento se a ha poñer o can Marelo cando lle conte o marabilloso caso da raposa que hai en Laxe!