RADIOGRAFÍAS | O |
01 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.ESTABA FALANDO onte cun señor que traballa de autónomo. O paisano tiña un mosqueo desees que fan que se che poñan os ollos vermellos. Resulta que o venres meteu a libreta de aforros nun caixeiro e comprobou que a cotización do seu gremio subira case 12 euros e que o goberno establecera a nova cota mensual en douscentos vinte euros e non sei cantos céntimos máis me dixo. Despois continuoume falando de que esta modalidade non tiña subsidio de desemprego e que non se distinguía entre os que gañaban para comer e os que ingresaban moitos miles de euros. Calei, entre outras cousas, porque non sabía que lle dicir, nin a favor nin en contra. Eu de economía non entendo moito, bastante teño con administrar os euros cos que ando no peto, pero a verdade é que debe de ser unha ciencia ben difícil. Póñome a ver o telexornal e aí ven o baile de cifras: uns aseguran que se reduciu a presión fiscal, outros que todo o contrario, uns terceiros que os impostos indirectos son abafantes e así tantas opinións coma xente hai polo mundo. Se lles digo a verdade non creo que o feito de pagar impostos sexa malo, todo o contrario, sen eles non existen os servicios. Loxicamente cada un ten que pagar segundo a súa capacidade. Claro que despois un acórdase do patrón da Axencia Tributaria cando ve que un atracador de garavata e zapatos finos defrauda quince millóns de euros á Facenda e por riba de non pagar, nin ir á cadea, resulta que vai de cuchipanda coa «flor e nata» da sociedade e ata pode ser que sexa portada das revistas de corazón. Se vostede, por calquera razón, non paga o recibo de autónomos na data exacta prepárese para un recargo sen contemplacións.