O CARTAFOL | O |
25 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI QUEN sostén, non sei se con convicción ou simplemente por escepticismo e por desánimo, que é inútil participar nas manifestacións e en diversos actos contra a contaminación provocada polo Prestige . Ir para nada, din desilusionados, é tontería. No fondo moitos pensan que se vai facer o parvo, ata hai quen sente vergonza allea, alí na praza de pé como postes. Pero creo que se debe afirmar con forza que non nos manifestamos nin a favor nin en contra da xente de Muxía ou doutros lugares que depositan o seu voto de dereitas librando de toda culpa ó goberno actual neste sinistro que fixo correr ríos e mares de tinta nas revistas e nos xornais, ríos e mares de palabras na televisión e na radio. É como se os madrileños decidisen non manifestarse contra o terrorismo por votarlle maioritariamente ás dereitas nas eleccións autonómicas. As manifestacións, digo, realízanse para denunciar un feito que produciu unha calamidade ambiental e porque pode volver a ocorrer, pois aínda non se gastou suficiente diñeiro nos investimentos precisos para combater outra marea coma esta no futuro. No caso de que se repita, posibilidade patente e latente dado que seguen circulando cerca das nosas costas barcos case á deriva que non son seguros nin moito menos. Eso si, penso que non se deberían politizar as marchas, deberíanse agochar as bandeiras e acudir só como cidadáns comprometidos co medio, coa natureza, co mar, coas praias, en fin, coa saúde do planeta, do planeta de todos. E non hai por qué dicir que non se fixo nada. Algo se fixo, pero moito quedou sen facer, e esto é o que verdadeiramnete importa, o que se puido facer e non se fixo. Ridícula ocorrencia Causou hilaridade, por ridícula, a desgraciada ocorrencia que tivo un persoeiro ó afirmar que afortunadamente o chapapote caera repartido, como se deste xeito fose unha bendición, como se non tivese ocasionado ningún dano irreparable. Nesta época do ano, cerca xa das festas do Nadal, podémoslle tolerar esta humorada dicindo que oxalá toque a lotería por estes lares e que veña repartida para todos. No aniversario do embarrancamento do Prestige , que estará aí presente para a posteridade no fondo do mar galego, que segue aí xa hai máis dun ano como unha ameaza real e non como un fantasma, dediquémoslle unha necrolóxica e recemos, invocando cadaquén a quen queira, para que se nos libre, para sempre, deste mal, deste gran timo histórico.