Entrevista | Suso Méndez Torrado Cormelán, vinculado desde os 13 anos ó mundo do espectáculo, intérprete de piano, acordeón, trompeta e violín, repasa algúns episodios da súa dilatada traxectoria
22 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O pai de Suso, Basilio, inoculoulle ó seu fillo o virus da música. Non era un calquera no mundo das sete notas. Fundara, combatindo no Frente de Teruel, nada menos, a Banda de Música de Ponteceso. Tal cousa aconteceu porque na mesma compañía coincidiron uns 18 veciños de Froxán-Corme Aldea (Curiosidade: en 16 casas, 18 músicos), con algúns máis de Tella e por aló, e o capitán díxolles que ben podían montar un grupo. E fixérono. O pai morreu no 67, xusto ós dous meses de que Suso casara. Xa levaba con el na banda dez anos. No 57, con só trece anos, empezou a acompañalo en misións de paz polos pobos da bisbarra. E os anos pasaron, agora ten 59. Hoxe, Suxo dirixe a Coral de Corme, con Ramón Saleta, e a de O Couto, e fai arranxos coa de Cores e Anllóns. Compón, sobre todo, temas corais, e durante media vida estivo polo mundo adiante coa súa orquestra Nuevas Ideas. -Ano 1957, era un neno cando empezou. ¿Lembra algo daqueles tempos? -Claro que si, moitas anécdotas. Por exemplo: Fomos tocar coa banda á festa da Milagrosa de Lamas. Durminos nun cabanote de palla. Lavámonos no río e, á mañá seguinte, nunha casa tomamos unha cunca de caldo. -Tivo un parón grande cando seu pai finou . -Foi un golpe moi duro. Deixei de tocar por aí adiante. Tocaba a trompeta. Neses anos, ata o 75, empecei con piano e con acordeón, estudiei armonía na Coruña cun gran mestre. E, en Carballo, fixen catro anos de violín. Parei cara fóra, pero non cara dentro. -E no 75, nace Nuevas Ideas. -Un 19 de marzo. No Miramar de Corme. Foron moitas actuacións, moitas voltas, mallei Galicia, Asturias, León, tantas vivencias. Acabamos o ano pasado, en Chamosiños, Xinzo de Limia, Ourense, despois de 27 anos. Antes era máis sinxelo, agora a vida da orquestra é complicada. -¿Por que remataron? -Porque o meu fillo, que tamén é músico, non quixo seguir, vaille ben o seu negocio. Anuncioume a súa negativa un día en Cambados. Cando mo contou, eu fun chorar ó porto. Son un chorón nato. -Non hai Nuevas Ideas, pero o que hai é música. -A música sempre lle deu sentido á miña vida, e séguello dando. Eu estudio, compoño as 24 horas. Traballo a tope en calquera instante que teña libre. Subo a tocar o piano, armonizo, manexo un programa de ordenador específico. Xa levo case corenta temas compostos. -¿Hai algún máis especial que outro? -Tal vez Nai María . Está adicado á miña avoa María, que era de Froxán. Nunca saiu de alí, só unha vez foi á Coruña, e era moi feliz. A Coral de Bergantiños levouna recentemente ó Vaticano. O título do seu disco, Bergantiños, terra meiga , é meu. Tamén teñen outros temas meus. Tamén teño unha Ave María en galego, unha misa nesta mesma lingua, que xa se canta por todo Bergantiños, e estou preparando as Cantigas do Roncudo para banda e coro. Tamén musicalizo unha obra de Neira Vilas, en fin, non paro. -É vostede moi inquedo . -Son moi nervioso, pero cando me poño a dirixir, diante da banda e das corais, os nervios vánseme todos. -¿Ten cantante favorito? -Pucho Boedo, e os dese estilo e esa época.