O CARTAFOL | O |
06 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.XA SE escribiu moito aquí sobre aberracións, erros e auténticas barrabasadas lingüísticas no noso contorno. Por desidia ou desinterese nun tema que non dá cartos, non se liman as asperezas que contaminan o idioma. Non hai máis que dar unha volta por moitos lugares da comarca de Bergantiños para comprobar que fai falta un asesor lingüístico á hora de escribir sinais e mensaxes como centro urbán (urbano), bo viaxe (boa viaxe), outras direcciones (direccións), perdonen (perdoen) as molestias , feira do ganado (gando), asociación de xóvenes (novos) agricultores . ¿E por que usar un anglicismo como parking se temos a palabra aparcadoiro? Estes remexidos e incorreccións demostran falta de supervisión e control por parte dos organismos públicos responsables destes traballos. Por outro lado, algúns articulistas non se molestan en pedir asesoramento para que alguén lles corrixa faltas graves. Así escriben que «estos nos din que a economía mídese...» (estes dinnos que a economía se mide...), «veñen a decir» (veñen dicir), «leemos» (lemos), «certámenes» (certames), «semán» (semana), «dormir» (durmir), «leises» (leis). Noutro contexto, un locutor de televisión di que o xogador «levouse un golpe» ou «levouse o coiro», cando todo o mundo sabe que nestes casos o verbo levar non é reflexivo. Erros divertidos Cabe citar aquí os desatinos e erros divertidos que se cometen dándolle á lingua sen reflexionar excesivamente sobre o que estamos dicindo, quizá por ignorancia, quizá por ter mal oído á hora de interpretar determinados sons e palabras da nosa propia lingua. Vénme á memoria cun sorriso nos beizos unha columna de Ramón Vilar sobre «concelleiros e manolitos» na que fala de «morrer por depilación» (denunciemos que a lapidación aínda existe nalgúns países que manteñen a pena de morte) e «Nadamos na ambulancia», un artigo de Manuel Rivas incluído no libro titulado Muller no baño , onde recolle varios lapsus linguae ou lindezas como «isto é pataca minuta», «atopámonos entre a espalda e a parede» ou «agora si que empezan as hostialidades». Conversando pracenteiramente cunha persoa, graciosa onde as haxa, recollo unha frase pronunciada por un veciño de Carballo, que non sentiu nin o máis mínimo reparo nin a máis mínima vergonza ó dicir que «cayó el niño y se escartó en el millo de la leira». ¡Pobriño! A saber cómo quedou o ínclito despois desta saída esbardallante de súa nai.